O arousán que marchou con Hernán Cortés

AROUSA

Cristóbal de Chaves chegou a ser, en 1550, alcalde da tribo dos cipotecas

19 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

De non ser polo etnógrafo e erudito Fermín Bouza Brey, probablemente non habería noticia sobre Cristóbal de Chaves, natural de Vilagarcía, que marchou facer as Américas en época tan temperá coma o século XVI, nada menos que baixo o mando do conquistador estremeño Hernán Cortés.

Bouza Brey relata, nun artigo xornalístico publicado en 1959 en El Pueblo Gallego , as aventuras do lanzal Cristóbal, fillo de Juan Chaves e Ana Pinoco. Segundo as crónicas, rescatadas polo erudito vilagarcián, o noso home marcha con Cortés á illa de Haití, por entón denominada Española. Sábese que era casado e con fillos, e que dende o seu primeiro destino se traslada, en 1531, ás terras coñecidas coma de Nueva España, as mesmas que o conquistador arrebatara aos aztecas e outras tribos dez anos antes. Noutras palabras, Chaves instálase en México.

A fertilidade era un carácter claro de seu, cando menos tendo en conta que en 1545, catorce anos máis tarde de emprender a aventura mexicana, Cristóbal de Chaves ten xa nove fillos, tres varóns e seis mulleres. Naquel seu empeño, «tuvo cargo de aderezar los navíos que iban hacia el poniente», din os arquivos, o que, segundo Bouza Brey, indica que «fue parte principal y activa en las expediciones que, teniendo por base la costa mexicana, se dirigían, por orden de Cortés, a buscar el paso entre el Atlántico y el Pacífico».

Como colofón da súa carreira, Chaves é nomeado alcalde maior dos cipotecas, aló por 1550. Cargo de importancia por canto baixo o seu mando fica unha tribo poderosa. «Su nombre debiera ser grabado en las escuelas de Vilagarcía para que las mentes infantiles supiesen quién fue el primer convecino que pisó el continente americano y supo diluir su sangre con la indígena», opina Bouza Brey. Non se lle fixo moito caso.