As Renevidas dan xa o chimpo á web

AROUSA

A organización inaugura a súa páxina en Internet a dez días do festival

09 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O asunto está xa na rede. O enderezo www.revenidas.com está xa plenamente operativo para dar conta de todo o que teña que ver con As Revenidas 2008, a cita do venres 18 e o sábado 19 coa que o festival de Vilaxoán quere protagonizar un chimpo cualitativo. Aló, na web, un pode atopar calquera cousa vencellada coa festa. Dende a axenda ata a ficha de cada grupo ou a forma de chegar á vila arousá.

Julio de la Iglesia, deseñador e programador de Desafío Dixital, a mesma empresa que da servizo ás camisolas de Caramuxo, encargouse onte de explicar os pormenores do portal. «A filosofía é acadar unha ferramenta moi participativa e doada de actualizar, un modelo tipo blog, no que a xente pode deixar os seus comentarios sobre calquera nova, e que pode ser administrada sen problemas pola propia organización». A organización, que corre a cargo da asociación Repichoca co patrocinio do Concello de Vilagarcía, asume perfectamente a idea de que a súa páxina sexa un ente vivo, en continua renovación.

A portada de revenidas.com permite un acceso doado ás diferentes áreas nas que se artella o escaparate dixital. Hai un espazo para cada un dos grupos e para cada unha das actuacións previstas, con cadansúa ficha e cadanseu enlace ás súas propias páxinas na rede. Non falta un mapa da zona de concertos e sardiñadas, do espazo no que se desenvolverá a acampada, no Preguntoiro, e mesmo do traxecto dos buses que levarán e traerán xente dende Vilagarcía e Cambados, aínda que dende Repichoca advirten de que este aspecto rodante está aínda por pechar.

Existe, tamén, a posibilidade de que todos os internautas poidan aclarar dúbidas. Pola web, non será.