A estrela chámase Budiño

AROUSA

O gaiteiro achega a Vilagarcía o espectáculo multimedia «Home», froito da súa xira por catro continentes

04 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Como se dicía onte, en Vilagarcía non caberán as estrelas esta fin de semana. Rosa Cedrón, Mutenrohi e Cristina Pato son algúns dos artistas que representarán o sábado Vai de Camiño , pero a oferta do Xacobeo tiña unha sorpresa de última hora, ou un broche de ouro, como dixo Castro Ratón. Será o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, que chega tamén da man do Xacobeo, e que presentará no escenario da rúa Elpidio Villaverde o seu espectáculo multimedia Home.

Onte estivo en Vilagarcía, acompañado do concelleiro de Cultura. Aínda que o artista non precisa de moita presentación, porque sabe defenderse só. Budiño explicou que Home é o resultado de dous anos de xira por catro continentes nos que se enchoupou de todo tipo de sensacións, e non só acústicas. «Non é que collera os sons deses sitios, senón tamén a cultura, a comida, os olores e os sabores deses países».

O resultado chámase Home , un título que non só fai referencia a Cabo Home, a terra da que é natural o artistas, senón tamén aos mariñeiros desa zona, e que xoga coa palabra inglesa home que é fogar. «Porque neses dous anos viaxando percatámonos de que tíñamos novas familias en todo o mundo».

Como se trata de un espectáculo que mestura todo tipo de artes e de linguaxes, Budiño quiso render homenaxe a todas as persoas que o fixeron posible, como o violinista bretón que o ten acompañado, o contrabaixo Paco Charlín e, como non, Mercedes Peón. Tamén Isaac Cordal, creador do vídeo que forma parte do espectáculo.

Como unha película

Budiño recordou que os seus concertos son como unha película na que se conta unha historia de moi diferentes maneiras. Hai unha parte de danza tradicional e outra contemporánea, unha evolución que el considera natural porque «tamén eu crieime na música tradicional pero logo fun descubrindo outras».

Como aínda contando coa facilidade de palabra de Budiño é difícil explicar un espectáculo que en pouco se asemella aos convencionais, o mellor é achegarse o domingo polo gran escenario prantado na zona portuaria para desfrutar da gaita de Xosé Manuel Budiño e de moito máis.

Castro Ratón recordou a importancia que tén para os hosteleiros de Vilagarcía que os espectáculos do Xacobeo se levaran á entrada do porto, para que a xente que acoda a desfrutar deles enchan ademais as terrazas dos locais. Por iso é moi probable que a rúa Elpidio Villaverde, que non é un corredor imprescindible para o tráfico, acabe sendo escenario estable deste tipo de ofertas.

«Vai de camiño»

O día da estrea será o sábado, co espectáculo Vai de camiño, que conta coa voz e a linguaxe de coñecidos artistas para ofrecer un festival que parte da historia dun peregrino que, facendo o camiño atopa o amor e a maldade, e que acaba por descubrirse a si mesmo. Será a partir das 22.30 horas.