Este sábado, na praza do Castro, idioma e música van da man para propoñer a diversión aos máis novos
05 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O Concello de Vilagarcía quixo mesturar a defensa da lingua galega cunha oferta atractiva para os mozos de Arousa. Esa combinación deu como resultado o concerto que este sábado se celebrará na praza do Castro.
A partir das once da noite, os cambadeses de X-Trume comezarán a súa actuación. Seguiranlle os composteláns de Ruxe Ruxe. Ámbalas dúas formacións tocarán o seu rock en galego nun intento de demostrar que a lingua non é impedimento algún para entenderse, cando menos no que se refire ao campo das notas musicais.
O tenente de alcalde, Xosé Castro Ratón, e a concelleira de Xuventude, Ana Lorenzo, presentaron onte este espectáculo acompañados por representantes de Ruxe Ruxe, con Vituco Neira á fronte, e de X-Trume, con Lino González.
A concelleira Ana Lorenzo explicou que a organización deste concerto é «un gran de area máis nas obrigas da Administración de promocionar o idioma e de achegalo ás xeracións máis novas». Mentres, Castro Ratón definiu esta iniciativa como un xeito de demostrar que «o noso idioma é o mellor idioma do mundo para facer música».
Tanto X-Trume como Ruxe Ruxe levan xa anos no panorama musical, os cambadeses, oito, os santiagueses, máis de dez. Estes están agora mesmo de xira presentar o seu novo disco, Xigantes . Ámbolos dous esperan unha grande afluencia no concerto do sábado.
Vituco Neira lembrou na presentación que Ruxe Ruxe leva «doce anos facendo música en galego e ás veces fomos tratados como delincuentes». Malia isto, e aínda que non se cren «abandeirados de nada», queren «mostrar que o galego é un idioma perfecto para facer calquera tipo de música». Primeiro, «porque ten máis vocais», pero tamén «porque é o noso idioma». O integrante da formación di que sempre que van tocar fóra non teñen ningún problema, porque «a lingua nunca foi un obstáculo»