As festas de San Roque de 1963

AROUSA

Catro días de celebracións nos que non faltaban as becerrradas, as verbenas e os «bouquets» de lucería ao paso da procesión. Así eran as festas hai 45 anos

24 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O tempo de festa retorna anualmente, nun inmenso calendario no que, lonxe dos postulados de Nietzsche, non todo se repite exactamente igual a si mesmo. No faiado aparecen hoxe unha imaxe e varios recortes de prensa que deteñen a memoria en agosto de 1963. Entre aquelas celebracións e os festexos actuais median 45 anos e un mar de diferenzas. Aínda que, según para que cousas, non son tantas como puidese semellar.

A fotografía ilustra a recepción da raíña dos Xogos Florais daquel ano, Chus García, a cargo do entón rexedor, Jacobo Rey Daviña. O alcalde fora entrevistado a véspera de San Roque no diario El Pueblo Gallego. A vila traballaba, daquela, para conseguir o seu primeiro instituto de ensino medio. A ubicación escollida gañaría triste notoriedade case medio século despois, cando un mal día de outono as marismas cegadas espertaron.

«Estos terrenos, conocidos por las marismas de La Lomba, pronto han de dejar de serlo, ya que por el Estado se ha adjudicado a don Porfirio Diz Baltasar las obras de la primera fase, por un importe de 600.000 pesetas que habrá de estar terminada en un año, y está anunciada la subasta de la segunda fase por 1.800.000 pesetas aproximadamente», informaba satisfeito Rey Daviña ao cronista sen sospeitar, claro, o que ocorrería moito despois, en novembro do 2006.

Daquela había fonda preocupación polo subministro de auga. Tamén pola situación da praia da Compostela, e falábase xa da súa extensión ata Carril. O xornalista pregunta. O alcalde resposta: «El litoral municipal no cuenta con más playas que la de Compostela, y a esta le presta el Ayuntamiento toda la atención que merece. Ya quisiéramos poder invertir todo el dinero necesario en habilitar y cuidar un imaginario playal que se extendiese desde el muelle del Ramal hasta el de Carril, pero la torpe labor de otras generaciones no ha querido conservar en la realidad el nombre de Arealonga que solo perdura en la titulación de la parroquia». Laiábase, así, Daviña de que o areal do balneario «esté actualmente cedido a una empresa privada».

Como vemos, auga e turismo estaban xa sobre a mesa. Unha ollada ao programa de festas amosa, porén, o tempo transcorrido. Daquela as celebracións solventábase en catro días. Este ano, San Roque estenderase ao longo de dez xornadas. A previsión para o día grande, o 16 de agosto, venres para a ocasión, iniciábase de mañá, cunha salva de bombas e unha tradición xa perdida: o paseo dos xigantes e os cabezudos con compaña de gaitas e música propia. Tres competicións náuticas organizadas polo Real Club de Regatas inseríanse entre unha proba de motonáutica e patín acuático.

Praza de touros en Ferrazo

En 1963 cantaba a misa solemne de mediodía a Coral de Vilaxoán. O santo era conducido, despois, ata a capela do seu nome. A procesión de retorno, aló ás oito da tarde, tiña unha parada obrigada na Alameda para «quemar a su paso el tradicional bouquet de lucería». Faltaban aínda os seus bos catro lustros para que un fato de mozos creasen a Festa da Auga.

O que si había en 1963 era unha desas prazas de touros portátiles instalada en Ferrazo. «A las seis, gran becerrada en la plaza de toros, a cargo de aficionados de la localidad y colonia veraniega». Para os atrevidos e bailóns, tres citas: a banda do padroado na Alameda, gran baile do Círculo Artístico Mercantil no parque Rosalía de Castro e verbena na rúa Vallellano.

A publicidade fala das empresas colaboradoras. Tres Hermanos, o servizo oficial de Seat; Pita Hermanos; Metalúrgica del Noroeste; Imprenta Quintáns; Calzados El Globo; Espumosos Puga, los más refrescantes; Banco Hijos de Olimpio Pérez, con 30 millóns de pesetas de capital; o Bar Miño, caído baixo a piqueta; ou Mesejo, que xa lle daba ao cemento.