«Non quero ser David contra Goliat. É perder o tempo»

AROUSA

O responsable do pósito cambadés considera que a consellería está mantendo moi pouco diálogo co sector pesqueiro

04 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O mes de abril foi duro para Benito González. Primeiro, unha sentenza deslexitimaba as últimas eleccións da confraría. Logo saíu á luz que os gardacostas o atoparan cun exceso de cupo de berberecho rabioso.

-Dixo nalgunha ocasión que se sentía un pouco perseguido por parte da Xunta. ¿É así?

-Desde a manifestación de Vilaxoán, houbo certas cousas que constatan que a consellería intenta desprestixiarme ou aburrirme. O do prestixio, como eu non teño aspiracións de ningún tipo, dáme un pouco igual: é un momento de mal trago, pero acabouse. O malo é cando van contra a miña familia e o meu peto. Non teño ganas de ser un David que se enfronte a Goliat, porque sei que perdo o tempo. Esta consellería amosa certa frialdade cara o sector, hai falta de contacto coa xente, non hai diálogo, e se o hai é con aqueles catro... É unha forma de gobernar que non é a esperada nin polo sector nin pola sociedade.

-Calquera diría que todo tempo pasado foi mellor...

-Non, non se trata diso... Eu, francamente, estou un pouquiño defraudado. Entre a xente hai certo temor a que logo te persigan... Eu noto un pouquiño de medo e iso non debería ocorrer. Un exemplo: hai unha manifestación o día 7 polo gasóleo... e creouse unha plataforma. Antes había unha concentración e convocaba á xente a confraría tal ou cal, e agora créase unha plataforma, porque a xente non quere que a nomeen. E iso non é bo. Iso é o que percibo e o que a xente me recomenda: 'oe, déixate estar un pouco e que pasen outros a primeira fila'. O que pasou o outro día... Mobilizar tanta xente para alguén que saben que está a traballar libremente...

-¿Refírese ao exceso de cupo do berberecho rabioso?

-Por poñerme na prensa, pararon o plan do rabioso. E todo por poñerme na prensa, que a un delincuente aínda se lle poñen as iniciais e a min xa me puxeron todo. O que querían dicirme é «cala a boca». ¿Por que non viñeron cando andaba ás vieiras? Porque cumpría. E nesto estou cumprindo tamén. Co rabioso estamos traballando sobre pedido. E o pedido, se se pode coller nun día, non se colle no outro porque está habendo temporais. Eu creo que esta vez se pasaron.

-¿Por que se para o plan?

-Hai que replantexalo todo. Estamos abrindo o mercado, e para abrilo hai que darlle ao cliente as cantidades que necesita en cada momento. Se estes non o entenden, pois non se poderá seguir adiante. Ademais, ¿quén e capaz de poñerlle o tope a ese produto, se non saben nin o que hai no mar? Está toda a costa chea del. Cando hai pedido hai que ilo buscar, porque logo veñen os temporais... E ademais hai que aforrar, que o gasóleo...

-E logo están as eleccións na confraría. Supoño que sería un golpe.

-O que é é unha demostración do mal funcionamento da consellería, que foi a que lexitimou as eleccións. Particularmente, teño claro que a sentencia non ten sentido. Cada paso que daquela deu a xunta electoral foi dado de forma moi meticulosa, incluído o voto por correo... Eu non sei o que a consellería defendería este asunto ou como o fixo. Pero creo que o Tribunal, aquí, fala de realidades que non coñece. Vaise a unha folla da lei e punto. Pero o certo é que esta sentencia é un precedente, e a ver que fan a partir de agora os presidentes das comisións electorais. Comparadas coas eleccións das confrarías, as americanas van a ser un lixo.

-Despois de todo isto, ¿vaise volver presentar a patrón maior de Cambados?

-Si. Si, voume presentar.

-¿E xa o tiña pensado, ou todo o acontecido precipitou a súa decisión?

-Creo que todo isto está influíndo. Por parte doutras confrarías estou tendo moito apoio, e o mellor será deixar que os socios decidan. Ademais, creo que é necesario por simple responsabilidade. Estamos facendo a confraría nova, e iso supón moitos gastos. A contabilidade deste ano non foi boa, pero si equilibrada. Temos 23 traballadores, hai que medir moi ben as cousas, e penso que a miña experiencia pode ser beneficiosa. É necesario que a xente con experiencia colla o relevo dos máis vellos. Non se estuda para isto, e todo depende bastante da experiencia. E, ademais, como vexo que hai certo interese por desprestixiar a miña imaxe... Se abandono, a xente podería pensar que escapei...

-Imaxine que o nomean conselleiro de Pesca. ¿Que sería o primeiro que faría?

-Esta conselleira, antes de ser nomeada, fíxome nunha comida esa pregunta. Eu díxenlle que o marisqueo está funcionando, só necesita un pouco de control. O mesmo para o polbo, co cal xa estaría case a metade da flota controlada. No cerco, abriría a oportunidade do desgüace para os barcos pequenos que o poidan necesitar. E na flota mediana, trataría de modernizala toda e de poñer algo de orden nos aparellos e na forma de traballar con eles... O que ten mais problema é o cerco. Pero eu nunca vou ser conselleiro. Non sirvo para iso.