Varias das imaxes escolmadas no arquivo de Vilagarcía fan referencia a dous centros escolares fundamentais no século pasado: as Filipenses e o León XIII
03 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Emprende hoxe La Voz, con estas dúas imaxes, unha tarefa de colaboración con O Faiado da Memoria, o proxecto promovido pola Concellería de Cultura de Vilagarcía que procura recoller canto máis material gráfico, audiovisual ou sonoro, do que se garda nos sobrados de cada casa, sexa posible. O traballo de tres meses deu xa como resultado a escolma de 2.000 fotografías e máis de trinta horas de gravación de testemuñas de tempos idos. Trátase de animar á xente a poñer os seus rexistros a disposición de todos os vilagarciáns, en xeral, e dos investigadores moi en particular. Calquera que teña a ben contribuír a este fondo de memoria común pode dirixirse ao número de teléfono 986 565 330 ou ao enderezo electrónico ofaiadodamemoria@hotmail.com.
Cada sábado, nesta mesma páxina, O Faiado da Memoria irá presentando unha ou varias imaxes. Non só para recrealas polo seu valor testemuñal, senón tamén para que quen recoñeza a persoas ou lugares poida axudar a facer delas documentos precisos encol do pasado colectivo da capital arousá.
Os exemplos que hoxe chegan á redacción son dous. O primeiro é unha fotografía tomada no colexio das Filipenses entre os anos 1945 e 1947. Nela, ademais das alumnas, pode ollarse no seu centro a un crego, a carón dunha imaxe da virxe. Malia ser tempos aqueles bastante complexos, o centro que puxo en marcha dona Francisca de Haz sempre mantivo un ton máis achegado á práctica e ao sentimento relixioso cá calquera expresión de tipo político-nacional. Foi a súa propia fundadora, Dona Francisca, quen cedeu a escola á orde de San Felipe Neri. O seu traballo, dende un lugar privilexiado e cargado de simboloxía e historia, continúa hoxe, coma daquela, marcando unha referencia no ensino vilagarcián.
Mágoa non suceder o mesmo coa segunda imaxe que estrea esta sección. Trátase dunha fotografía do curso 1923-1924 tomada no colexio León XIII. Nela está boa parte do profesorado da época e, sinalado cunha cruz, como sexta persoa contada dende a esquerda na ringleira superior, un novísimo Dámaso Carrasco, fillo de Pío, o iniciador da saga de consignatarios que aínda hoxe en día, malia estar en proceso de deixar a súa sé histórica do Ramal, continúa a protagonizar boa parte do movemento portuario en Vilagarcía. O centro, que dirixiu Xosé Núñez Búa, desapareceu baixo a piqueta.