«Tal e como están as cousas, non se pode subir o prezo do polo»

AROUSA

A praza de abastos de Vilagarcía anda metida nun proceso de renovación e busca de identidade que non acaba de definirse. E por riba, a todo isto se suma unha crise económica que non axuda a verlle beneficios.

-Hai uns meses o Concello mellorou a imaxe da praza. ¿Viron resultados?

-Pois non, porque coincidiu coa campaña de Nadal e non foi boa. Foi un lavado de cara, pintaron azulexos, cambiaron cables e ferros e puxeron a cartelería, pero iso non quere dicir que haxa máis ventas, e sobre todo, no momento no que estamos, que xa se nota a crise. A xente non tén cartos e iso hai que telo en conta. A nós o polo xa nos costa máis caro, pero tal e como están as cousas, non se pode subir o prezo do polo.

-E logo tamén está a competencia dos supermercados.

-Efectivamente, hai máis oferta que antes e hai que repartir, e as grandes áreas fan dano. A nosa oferta é diferente, e hai xente que o entende e que mira a calidade, pero outros só miran o prezo, e volvemos ao de antes, hai que entendelo, tal e como están as cousas.

-Vostede é presidente da agrupación de comerciantes. ¿Como ve o proxecto de Mercasa?

-O de Mercasa non vai ir adiante. É moi ambicioso. Está pensado para as grandes cidades, demasiado grande para Vilagarcía. A idea era que nós tíñamos que poñer unha parte, había unha partida pola que había que poñer as tres cuartas partes, pero nós non acabamos de velo.

-Pero algunhas melloras si que se van facer.

-Aínda tivemos hai uns días unha reunión coa concelleira, e claro que se van facer algunhas melloras. Para nós, é importante que todo o solo sexa liso, e que non haxa escaleiras, esa é unha das cousas que hai que facer. Pero o principal problema da praza é a falta de aparcamentos, temos só cincuenta, e o ideal sería que a xente puidera vir a facer a compra e deixar o seu coche diante.

-E nunca se plantexou construir outra nova.

-Non, a verdade é que é unha idea que non se puxo enriba da mesa.