O instituto Bouza Brey edita un novo número da revista «Bardos» e prepara xa a cincuenta edición
AROUSA
O instituto Bouza Brey sacou á rúa o número 47 da revista Bardos . Con esta edición comezou un ano no que tratarán de impulsar novos proxectos, pero que dedicarán, sobre todo, a preparar unha edición moi especial para o número cincuenta da súa publicación. O número actual da revista dá conta dos cambios que se produciron na dirección do centro, pero tamén no equipo de coordenación da revista Bardos , no que houbo mudanzas. Non obstante, esas variacións non impiden que a publicación continúe sendo o diario de abordo do centro educativo. No número actual entrevístase ao actor vilagarcián Carlos Blanco, que acaba de ver premiado algún dos seus traballos, como a película O Partido , que protagoniza. Ademais, a entrevista vén se cadra máis a conto se se ten en conta que o actor vilagarcián estará dentro dalgunhas semanas en Vilagarcía co seu novo espectáculo, Humor neghro , que protagoniza con Manecas Costa. Tamén teñen un oco na revista as experiencias dos alumnos que durante o verán realizaron unha viaxe por Europa grazas a unha bolsa para perfeccionar idiomas. Lembran tamén no novo número da publicación as imaxes de Vilagarcía hai un ano, cando as inundacións provocaron numerosos danos en comercios e vehículos da vila. Relatos, xadrez, música, deporte e as festas do instituto completan a proposta da primeira revista do ano da equipa do Bouza Brey.