Trala aprobación do estatuto do sector, Abad pensa xa en novos retos. Un deles é mellorar a situación das mulleres
13 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Malia que hai uns meses viu como se aprobaba o estatuto dos traballadores autónomos, Eduardo Abad non quedou quieto e anda á procura de novas melloras para o sector. Desde o aeroporto, entre avión e avión, fai balance do que foi un ano para sinalar.
-Acabamos de pechar un moi bo ano para os autónomos. É o ano do estatuto, loxicamente, e iso é moi bo para tres millóns e pico de persoas, e no caso da comarca do Salnés estamos falando de máis do 20% dos 70.000 autónomos que hai en Pontevedra. Foi un ano de despegue, de conseguir iso que nos propuxéramos desde UPTA desde hai moito tempo. Iso conseguiuse, aínda que loxicamente o estatuto aínda se ten que desenvolver. Foi un proceso, ademais, que se conseguiu nun tempo récord, porque UPTA creouse hai cinco anos, e facer iso en cinco anos é moi complicado. Conseguíronse dereitos sociais e conseguiuse poñer ao autónomo na axenda política e que se empecen a facer políticas para mellorar o traballo autónomo. Cantidade de organizacións que levan moitos anos pelexando polas súas reivindicacións aínda están pelexando. Todo iso en cinco anos é complicadísimo, e o colofón foi o ano 2007.
-¿Cales cre que foron as claves para que se conseguise tan axiña?
-Noutros momentos déronse pasos concretos, pero nunca se fixera unha regulación que collera todos os parámetros do traballo autónomo. Fomos quen de conseguir redactar un moi bo estatuto e, sobre todo, que ese estatuto fora crible. Porque o que si ten esta organización é que nos sentamos e escribimos, e facemos documentación crible, porque estamos mirando sempre desde as tripas do traballo autónomo. Hai un bo grupo de traballo, moi bos técnicos, estase dando un servizo moi orientado, e conseguimos tamén ser alleos a todos os movementos políticos. Conseguimos tamén facerlle entender aos políticos que era unha necesidade ese estatuto.
-¿Cal é para vostede a medida máis importante que inclúe ese estatuto?
-Este estatuto non é algo que vaia separado, é un conxunto de medidas. Para min, desde logo, o máis importante son os logros en medidas sociais: a incapacidade temporal, a enfermidade profesional, xubilación anticipada, o traballo autónomo dependente é un gran logro tamén, porque había 300.000 traballadores neste país que había que regular,... O gran éxito deste estatuto vai por aí, polo recoñecemento dos logros sociais, e polo recoñecemento do traballador autónomo como tal. Estamos falando de pasos tan importantes como o dereito á maternidade nas mesmas condicións que teñen as mulleres por conta allea, algunhas cuestións que é impensable que a día de hoxe non estiveran enriba da mesa. O gran avance social é para min o máis destacable.
-Pero, aínda así, saíronlle algúns opositores a ese texto.
-Evidentemente, non a todo o mundo lle gusta este estatuto, e evidentemente fáltanlle pezas a este estatuto, non o imos dubidar. Pero este estatuto, desde a súa primeira redacción, leva máis de 150 ratificacións. Agora o estatuto ten que ir medrando, que ir adaptándose ás novas condicións da sociedade. Claro que hai organizacións que se posicionaron en contra, pero a gran vantaxe deste estatuto é que foi moi debatido coas organizacións que representan de verdade aos autónomos.
-¿Cales son esas pezas que lle faltan?
-O primeiro que ten que facer este estatuto é desenvolverse organicamente. Unha parte importante xa está en marcha. Temos que conseguir cousas importantes que non se conseguiron aínda neste estatuto, como é o primeiro estudo serio sobre o cese de actividade, similar ao que teñen os traballadores por conta allea, o paro. Tamén temos que tratar de que se poida engadir a contratación a tempo parcial, porque viría mellorar a competitividade do pequeno autónomo, dos negocios familiares, porque hai momentos do día nos que se necesita un reforzo de persoal.
-Deixando o estatuto, tamén remataron ben outras loitas, coma a dos furanchos.
-A min gústame falar desta organización a nivel xeral, pero a nivel autonómico tamén hai que ter en conta que UPTA conta xa con seis delegacións abertas en toda Galicia, que para unha organización que comezou hai tan pouco tempo é importantísimo. Os resultados están aí. As cotas de afiliación hai cinco anos eran impensables, estamos falando de que UPTA-Galicia representa a 16.000 autónomos na comunidade autónoma. Soamente Vilagarcía acadou os 300 afiliados a finais de mes, soamente Vilagarcía, e estamos falando de que a estrutura da nosa organización xa conta cunha oficina máis na provincia de Pontevedra, que está en Caldas e dá servizo para a zona máis do sur de Pontevedra. E si, é certo que se conseguiron cousas de menos sona, pero de moito calado, como é unha regulación dos furanchos. Tamén é algo importante que máis de 1.200 autónomos foran formados en diversas materias neste ano 2007. E houbo moito convenio que mellora as prestacións dos autónomos: convenios con consultorías, con centros médicos, con compañías de seguros,... Estamos falando dun compendio de cousas que é moi difícil conxugar nun momento, pero que son importantísimas. En Vilagarcía presentamos non hai moito un plan local de emprego autónomo; a nivel autonómico vaise formar o consello do traballo autónomo. 2007 foi o gran ano para o traballo autónomo.
-Pero para iso fai falla moito tempo e moito esforzo.
-O que hai que facer é un bo equipo. Non é un éxito de Eduardo, é un éxito de UPTA-Galicia. Temos unha executiva e uns técnicos moi novos e con iniciativa. E a nivel político, que un Concello che permita facer un plan de emprego autónomo é moi significativo. Os autónomos temos moito que ver nos nosos concellos, somos parte importante deles.
-¿E cal é o maior reto para este ano?
-Este ano vai ser o ano da traballadora autónoma. A muller ata agora foi a gran esquecida, e temos que deseñar todo tipo de políticas para ela. A iso nos imos dedicar fundamentalmente este ano, a darlle á muller o lugar que lle corresponde.