«Con estes avais, o goberno ten claro que é a mellor decisión»

AROUSA

A polémica que está traendo a decisión de construír a depuradora en Laxe de Rons estalle supoñendo a José Antonio Cacabelos o seu peor trago desde que é alcalde. Síntese contra as cordas, pola presión veciñal exercida desde Virxe das Mareas e tamén polos condicionantes políticos, pois na coalición de goberno causou certa tensión aprobar ou non o anteproxecto en pleno. -¿Estes días están sendo quizais os máis duros do mandato? -Estase personalizando moito na miña figura. Son consciente de que se un se mete en política é para estar ás duras e ás maduras. Pero non me canso de dicir que a decisión adoptada está avalada por informes técnicos e que o que facemos é por responsabilidade. -O principal reproche que lle fan é o de que incluíu este asunto no pleno pola porta de atrás. -A falta de información xera incertidumes e medos. Eu sempre lles dixen aos veciños que ata que que tivera toda a información na man e o anteproxecto fora aceptado por Augas de Galicia non era pertinente presentalo. O que me sorprende é que moita xente, sen coñecelo, valore esta opción como mala. -Os grupos da oposición tamén se queixan de falta de información. -O luns (polo pleno de mañá) só se vai votar un anteproxecto o cal significa que hai un compromiso do Grove e que se lle da unha garantía a Augas de Galicia para que poida pechar o orzamento -este departamento ten previsto investir máis de 8 millóns de euros nesta actuación-. É un puro trámite. Logo aínda veñen os prazos de exposicións, alegacións e concesión de permisos... -¿Cree que hai motivacións políticas detrás desta controversia? -Vou apostar porque non haxa eses movementos políticos e apelo á responsabilidade dos partidos, aínda que cada vez se me fai máis difícil valorar algunhas opinións. -Independentemente de outras cuestións ¿Laxe de Rons é realmente a aposta definitiva do cuadripartito do Grove? -Con estes avais, o goberno ten claro que esta é a mellor das decisións para O Grove e o goberno está apoiando unanimemente esta postura. -¿Houbérase montado esta polémica de terse elixido outro lugar para a depuradora? -As hipóteses non as valoro, eu traballo sobre feitos. O que chama a atención é que sen coñecer o proxecto do Corgo ninguén protestaba porque fora alí.