O Breogán cumpre no 2008 trinta anos, e aí segue. Naceu só como unha asociación cultura e anos despois fusionouse co Club Marítimo Deportivo converténdose no que é hoxe. Na actualidade conta con arredor de 300 socios, aínda que nos seus anos máis prósperos chegou a ter case 700. O piragüismo é o seu principal baluarte e o que lle deu ao club maior sona e trunfos da man de Fredi Bea e a David Mascato. Os mecos chegaron a estar en varias olimpíadas e teñen un palmarés labrado de títulos internacionais. Joaquina Costa e Marcelino Cacabelos son outros dos nomes propios que laurearon ao club e na actualidade os ollos están postos en Tono Campos, Cristian Ribadomar, Rodrigo Germade e Jacobo Domínguez. En total son 136 rapaces federados. Á sección deportiva hai que engadirlle o xadrez, cunha trintena de xogadores federados distribuídos en dous equipos, un deles na segunda división nacional. A escola de música, con medio cento de matriculados, é o que queda do esplendor que tivo o Breogán no eido cultural. Nos seus primeiros anos funcionou como o gran dinamizador da vida social do Grove; ocupábase do enterro da sardiña, organizaba as actividades das Letras Galegas, as sesións de Cinefórum, cursos de fotografía, exposicións e tivo unha notable contribución á difusión do folclore galego. En tres décadas tivo sete presidentes: o cura Severino Suárez, Juan José Caneda, Alfredo Bea Gondar, Suso Casal, José Millán, Fredi Bea e Félix Lamas que volve de novo ao cargo. No primeiro trimestre do ano novo someteranse os cambios da directiva a consideración da asemblea de socios.