Cando se cumpre un ano das inundacións que asolagaron Vilagarcía, o responsable provincial cre difícil que volvan coincidir as condicións que causaron as riadas
25 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Hai agora un ano Vilagarcía viviu unhas inundacións que pasarán algún día a contarse nos libros de historia. Juan Froján cre pouco probable que a curto prazo se volvan repetir episodios coma aqueles pero, por se ocorrese, o seu departamento está traballando para que as consecuencias non sexan tan graves.
-Medio Ambiente leva varios meses actuando no río do Con, ¿en que zonas se traballa?
-Temos divididas as obras en cinco tramos de actuación. Un primeiro, que é o da desembocadura, que vai desde a ponte de Vistalegre cara a desembocadura. Un tramo dous que vai dende a ponte ata a rúa Doctor Tourón. O terceiro discorre paralelo á rúa Rodrigo de Mendoza. Un tramo catro que vai desde a ponte de Rodrigo de Mendoza ata o parque da Coca; e o tramo cinco é o que circula polo parque da Coca. A día de hoxe os tramos un e dous están practicamente rematados.
-E as obras ¿en que consisten concretamente?
-No tramo un executouse un colector de saneamento, fíxose unha limpeza do cauce, unha limpeza dos muros, e eliminouse o azud que había. Tamén se vai colocar nesta zona un dispositivo de control de mareas. No tramo dous o que se fixo foi un reforzo da cimentación dos muros, unha retirada de lodos, un colector de saneamento, demoleuse outro azud e queda pendente a demolición dunha pasarela peonil que se vai substituír por outra máis elevada cunhas escaleiras e cunha rampa para minusválidos. No tramo tres limpáronse os fondos. No tramo catro estasne executando as zapatas dos muros, que é o que máis urxe. O tramo cinco xa está rematado, fíxose unha limpeza do cauce do río. A día de hoxe é como están as obras. Quedan aínda cousas por rematar, sobre todo máis estéticas que de control das riadas. Con iso conseguiríamos unha capacidade de pasamento moito maior e con iso teríamos rematado a primeira fase prevista. Isto é o que se fixo neste proxecto, aínda que nos primeiros meses se estivo traballando tamén na limpeza dos ríos nunha extensión aproximada de vintecinco quilómetros.
-¿Cando rematarán?
-Nós pretendemos saír do río, e polo tanto o control das riadas estaría practicamente rematado, ao longo deste ano. Entre xaneiro e abril serán máis que nada obras de reposición estética.
-Estas eran as actuacións máis urxentes, pero falouse tamén doutras a máis longo prazo.
-Evidentemente temos prevista unha segunda fase, unha segunda fase que é máis ambiciosa e máis complexa, que é a de buscarlle unha saída ao mar ao río, que está nestes momentos en estudio. Levaría accións como abrir a saída polo porto. Para esa segunda fase entraría tamén con toda seguridade unha solución ao tema da Laxe, que sofre inundacións de xeito continuo desde hai bastantes anos. Parece ser que o que se está pensando é facer unha canle paralela posiblemente ao río, pero son cousas que aínda están en estudo.
-¿E cando se comezaría?
-Unha vez rematada a primeira fase non poñeríamos a traballar na segunda.
-Os veciños da Laxe falan tamén das construcións á beira dos ríos como un perigo.
-Certamente o ano pasado houbo unhas inundacións que tiveron unha serie de causas entre as cales non hai que obviar o urbanismo que se ven desenvolvendo ao longo do último século. Dedicámonos a ocupar os cauces dos ríos e ao final o río acaba recobrando as canles polas que discorría. É certo que este é un problema que temos en Vilagarcía, pero que tamén tivemos en Baiona, en Cee e noutros lugares. O ano pasado foi especial porque afectou a zonas moi concretas, á fachada atlántica, coincidindo coas zonas máis poboadas e tamén coas máis afectadas polos lumes. Hai moitas causas, pero evidentemente o urbanismo é unha das que poden axudar a que os ríos desborden. En Vilagarcía durante moitos anos fóiselle ocupando espazo ao río do Con. Se vemos fotos do 1880 da saída ao mar de Vilagarcía, nada ten que ver coa que hoxe en día ten. Loxicamente, o río acaba buscando a zona por onde saír. Temos que poñerlle freo a ese urbanismo e creo que hai cantidade de medidas que se están tomando desde a Administración autonómica para corrixir eses desequilibrios.
-Quizais as inundacións demostraron que é tan importante protexer os ríos coma o litoral.
-É tan importante protexer os ríos como a franxa marítima, evidentemente.