Saloucos de amor desde Iliria

AROUSA

O auditorio de Vilagarcía viviu onte un novo cheo. Máis de setecentos rapaces asistiron á representación da «Noite de Reis» do CDG. A proposta foi todo un éxito

24 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que o mediodía non é unha hora moi propicia para o teatro, ninguén o diría despois de asistir onte á representación da Noite de Reis. Ou o que queirades que o Centro Dramático Galego, coa dirección de Quico Cadaval, puxo en escena no auditorio. Quizais o ambiente frío de fóra e a hora da representación fixeron que tardase un pouco en quecer o público. Pero cando entrou na obra, fíxoo con todas as consecuencias.

Ás once da mañá comezaron a chegar os rapaces ao auditorio. Institutos de Vilagarcía, pero tamén de Ribeira, de Cuntis, da Pobra, da Estrada, de Caldas e de Agolada estaban convocados para participar nesta representación coa que o CDG e o Concello de Vilagarcía quixeron achegar o teatro aos máis novos. Pouco a pouco, os bancos do auditorio fóronse enchendo de xuventude. O comezo do espectáculo estaba previsto para as once e media. Pouco despois desa hora apagábanse as luces da escena. Iso si, despois de agardar uns minutiños polos rapaces de Agolada que, quizais pola xeada, se retrasaron un pouco.

Xa acomodados, as luces baixaron e apareceu Iliria, un país imaxinario á beira do Mediterráneo. Aparece a náufraga Violeta (Rebeca Montero), que acaba de perder ao seu irmán no medio do mar e que decide converterse nun home para servir ao duque Orsino (Marcos Correa), que está namorado, cun amor cruelmente non correspondido, por Lady Olivia (María Bouzas).

Lonxe e preto

Así comezan os enredos de amor desta adaptación que Quico Cadaval fixo dunha das comedias de William Shakespeare. Unha obra lonxana no tempo, pero moi actual, porque, ao fin e ao cabo, ¿a quen non lle interesan as historias de amor?

Hai namoramentos nesta peza, pero tamén malentendidos e algunha que outra suave liorta -aínda que seguramente Malvolio (Marcos Orsi), o servidor de Olivia enganado e case maltratado por María (Susana Dans), André (Xan Cejudo) e Tobías (José M. Olveira) non estaría moi conforme con ese cualificativo-. Hai dozura, saloucos e case bágoas de amor, pero tamén hai moitas risas. Coma na vida.

Os risos chegaron por todas as partes, pero sobre todo chegaron pola personaxe de Festas, interpretado por Víctor Mosqueira. O seu papel foi sen dúbida o que máis gargalladas provocou entre os asistentes, e foi tamén o que máis gustou a este público novo. As súas bobadas intelixentes foron agradecidas polo respectable, que lle aplaudiu con gañas en varias ocasións.

Música italiana

Pero se de interpretación falamos, non hai que limitarse só aos actores. Tres músicos -Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio- encárganse dunha case continua banda sonora que nos leva ata a Italia dos anos cincuenta. Un repertorio co que os rapaces disfrutaron, pese a estar xeneracionalmente moi distantes. Tanto é así que os habitantes das máis de 700 butacas do auditorio palmearon e tararearon entusiasmados o Azzurro de Adriano Celentano.

Soou cando a historia case remataba e os enredos de amor dos protagonistas estaban xa desenredados. Ou case. Porque como ocorre na vida, non todos os amores poden ser correspondidos... Aínda que quen queira saber o remate final da historia ten hoxe a oportunidade de facelo, posto que o CDG repite pase, neste caso para o público xeral, en Vilagarcía.

Aínda que en principio o público novo non está moi afeito como espectador de teatro, esta Noite de Reis pareceu ser do seu agrado. Notouse polos risos, pero tamén polos acendidos aplausos do final. Varios minutos que fixeron que os actores saíran varias veces a escena saudar. A proposta tiña como obxectivo captar ao público máis novo para un tipo de espectáculo, as representacións teatrais, que non anda sobrado de espectadores. Se esa era a súa meta, parece que a conseguiron. Se o seu boca a boca funcionou, igual o CDG é capaz de volver marcar un cheo esta noite en Vilagarcía.