«As campañas sobre a violencia de parella nunca son dabondo»

AROUSA

A conmemoración do Día internacional contra a violencia doméstica o vindeiro día 25 vai servir, sobre todo, para que se fale do problema. Onte xa o fixo no Grove Laura Ogando, axente de igualdade e concelleira de Igualdade e Benestar en Bueu, dentro das charlas organizadas polo Concello. Ogando tratou de ilustrar ao auditorio sobre as orixes deste problema e desmontar crenzas coma aquelas que acaban culpando á muller da agresión do home.

-¿Non está a xente xa un pouco saturada de tanta campaña?

-As campañas sobre a violencia de parella nunca son dabondo. Aínda segue habendo moita desinformación, non tanto sobre o problema coma sobre os recursos dispoñibles como é o salario da liberdade ou o teléfono ao que poden chamar as afectadas. As campañas de sensibilización e a educación, sobre todo desde a base, sempre son necesarias.

-¿A cobertura é suficiente?

-Sempre podería haber máis, pero estamos no bo camiño porque é un tema co que goberno está moi sensibilizado. Cada vez hai máis medios.

-E tamén máis denuncias ¿non?

-Si, pero non é que antes non existira o problema. Agora denuncia a agredida pero tamén outras persoas alleas á afectada.

-¿Quen denuncia máis?

-En servizos coma o meu, a maioría son mulleres de nivel económico baixo. As de nivel alto usan outros servizos.