«A práctica de facer caveiras coas cabazas é tradicional en Galicia»

AROUSA

Conversamos con Mariño Ferro sobre a festa de Defuntos e as súas raizames na tradición popular de Galicia.

-¿Que significado ten esta festa dende o punto de vista etnográfico?

-Trátase da lembranza dos membros da familia que morreron. Para que se vexa que non é nada raro é o mesmo que facemos cos vivos cando é o seu santo ou o seu aniversario, regalándolles unhas flores. Por outra banda é unha celebración, un recordo que se dá en todas as culturas. De feito, é un ritual dos máis antigos dos que temos constancia na historia da humanidade. Nas primeiras tumbas do homo sapiens xa aparecen flores coma ofrenda. E ao mesmo tempo refórzase o sentido de familia. Na tradición galega había outro día, o de Noiteboa, a comida familiar por excelencia, na que se deixaba unha cadeira sen ocupar que representaba a participación dos mortos da casa no xantar.

-¿Hai algunha diferenza entre Defuntos e Santos?

-Só unha diferenza nominal. O de Santos nace da convicción da Igrexa católica en que houbo moitas persoas que se comportaron santamente pero non son celebradas. Dedícaselle, polo tanto, un día a todas elas.

-¿E o Samaín, tan de moda? ¿Ten raíces na tradición galega?

-Claro. A xente vella de Vilagarcía, Catoira ou o norte de Galicia pode acreditalo. A práctica de facer caveiras coas cabazas é tradicional. O único importado é o nome e os disfraces.