O auditorio serve este serán a estrea absoluta de «Comida chinesa»

S. G.

AROUSA

«Non toca comedia, senón acidez e dureza, esta peza toca a fibra sensible, emocional». Dito así, en palabras do actor vilagarcián Josito Porto, pode sorprender, sobre todo polo rexistro cómico que o enorme Josito adoita asinar ultimamente dende a fiestra moitas veces deformante da televisión. Porén, así é. A obra que hoxe se estrea no auditorio de Vilagarcía pescuda nos pensamentos dun asasino en serie. Comida chinesa xira encol do encontro entre un psycokiller e a nai, psiquiatra, dunha das súas vítimas. Sen xuízos previos, sen poñer marcos morais entre os dous, en pe de igualdade, sen favoritismos, só con contundentes doses de realidade crúa e veraz.

A idea orixinal parte do caletre de Pedro Ángel Ramos García, escritor madrileño afincado en A Coruña, que colabora no suplemento Culturas , de La Voz, entre outras incursións nos terreos narrativos. O director e adaptador da súa obra, Lino Braxe, destacaba onte as moitas razóns polas que Comida chinesa acada a etiqueta de «proxecto inaugural». Unha delas vén dada polo feito de ser a primeira aproximación do autor ao mundo da escena. «Algo que -matinou Braxe- sempre é de agradecer». Inaugural tamén porque se trata da súa estrea absoluta, «mundial, nin sequera en ningún outro mundo». Vilagarcía é a estación inicial dun seguro e longo percorrido. Inaugural, ao cabo, porque nunca antes Braxe, Porto e Mónica García traballaran xuntos nun argumento teatral.

Di Braxe que o seu papel se limitou a «coordinar dous grandes talentos que fixeron un traballo de aportación intelixente». Un traballo que Mónica cualifica de «luxo». Josito, pola súa banda, xoga na casa. Nunca antes estreara unha obra en Vilagarcía. Nesta ocasión, afirma ter rachado muros que calquera pode comprender cando se trata de probar a ser profeta en terra propia.

Dez anos de Teatro do Adro

Os fados, de calquera xeito, son propicios. A súa compañía, Teatro do Adro, cumpre dez anos xusto agora que o pobo de Carril recupera logo de cen anos de usurpación a illa de Cortegada. A mítica banda de rock que integraba Josito, Koros i Dansas, naceu precisamente nun acto de reivindicación e revolta cívica contra a bárbara especulación sobre Cortegada. Así que a cousa pinta ben para «unha comida que non é moi típica do noso país», ironizou o tenente de alcalde e responsable municipal de Cultura, Xosé Castro Ratón. «Alea jacta est», que dixo César. Hoxe, venres, e mañá, sábado, Comida chinesa no auditorio por 5 euros. Ás 21 horas.