«Hai que ir ás charlas para aprender a distinguir os cogomelos»

A. G.

AROUSA

Alá polo 1969, Carlos Puga andaba por Cataluña. Foi alí onde tivo o seu primeiro contacto cos cogomelos. Dez anos despois, en Vilagarcía celebráronse unhas charlas sobre o asunto e velaí xurdiu a idea de formar unha asociación micolóxica. É A Cantarela, que hoxe preside Puga e que está de actualidade porque chegou o seu tempo.

-Moito tempo de cogomelos non está, non si?

-A cousa está moi mal pola seca. A ver si cambia o tempo i en vinte días xa teremos cogomelos.

-A charla que hoxe (20.30) da no Concello de Catoira leva por título «Introdución á micoloxía». A min paréceme que compre ir paseniño neste eido.

-O que está claro é que os libros so non serven. Hai que ir ás charlas, que é onde se aprende a diferencialas. E hai que fixarse en todas as partes das setas.

-Pero por aquí hai risco?

-En tódolos sitios hai riscos. Aquí aparecen as Amanitas Phaloides, por exemplo.

-Cales son as mellores zonas para atopar os cogomelos?

-Antes había en Xiabre e en Lobeira, pero as mellores zonas queimáronse. Tamén había na Lanzada, pero tamén amolouse esa zona.

-A recollida da seta tampouco pode ser indiscriminada...

-Hai que procurar deixar o sitio onde se atopa o cogomelo como estaba antes de que nós estivéramos por alí.