«O coñecemento produce paz, a ignorancia, resentimento»

AROUSA

Francisco Carballo nunha imaxe de arquivo
Francisco Carballo nunha imaxe de arquivo

No Grove falarase moito estes días sobre os efectos da represión franquista na investigación histórica e sobre «O dereito a saber, a liberdade de investigar». Baixo este título desenvólvense unhas xornadas polas que pasarán políticos, historiadores, avogados e profesionais dos medios de comunicación. O primeiro en facelo foi onte o historiador, sacerdote e teólogo, Francisco Carballo, un intelectual que afondou nos estudos sobre a Igrexa e sobre a historia de Galicia con varios libros editados en 1977, 1996 e 2000.

-¿En que anda a traballar na actualidade?

-Estou investigando sobre a Galicia do século XVI e sobre unha exposición de teoloxía cristiá actual. Pero o levo con calma, non teño a ollos vista publicar nada.

-No ámbito da historia de Galicia nos anos do franquismo, ¿queda moito por investigar?

-Moito, porque é un fenómeno grande, profundo, con moitas connotacións. Aínda que se está moi adiantado no aspecto máis importante que se refire ao nome e o número das vítimas, quedan cantidade de aspectos. Algúns deles iranse prorrogando porque hai documentación pouco accesible aínda. A historia para que vaia ben, aparte dos documentos oficiais e a historia oral, hai que contar con documentación privada, e esa vaise vendo cando vai morrendo a xente e os seus herdeiros sacan á luz os manuscritos. Este holocausto do pobo galego do 36 ao 39 que se estendeu ata o 75 ten tal dimensión que a súa análise vai durar tempo.

-¿Cal foi o principal obstáculo que atopou á hora de investigar?

-O peche dos arquivos. Os arquivos non se soen deixar ver ata 50 anos despois de morrer os que fixeron os actos, aparte que tampouco se deixaban abrir. Libros oficiais de Concellos, cemiterios e organizacións..., non os deixaban ver, polo tanto había dificultades, e aínda hai dificultades. A segunda dificultade é que hai persoas que participaron naquel conflito, en distintos bandos, que aínda non se deron a man o cal obstaculiza a investigación. Unha historia que quere ser un documento de paz é interpretada por algúns como unha especie de represalia, o cal estorba moito aos historiadores e aos lectores.

-Esta eclosión da recuperación da memoria histórica é interpretada por algúns como un intento de resucitar vellos odios, ¿que opina?

-Non debe levar a vellos odios, e esperamos que non leve. A xente madurou o suficiente e os historiadores maduraron proporcionalmente. Trátase da darlle a cada un o que lle corresponde e recoñecer o pasado como froito dunhas condicións determinadas. Non queremos en absoluto que nos pidan perdón. Estamos facendo unha historia científica que non trata de molestar a ninguén. A sociedade debe darse conta de que o coñecemento, a ciencia e a intelixencia produce paz e que a ignorancia, o descoñecemento e a fabulación produce eterno resentimento. Debemos ir en favor da madurez e da paz. O que necesita o pobo galego é saber a verdade.

-Antón Mascato (que onte o presentou no acto do Grove) di que Galicia ten unha débeda con vostede.

-Eu son un pequeno historiador, un profesor. Iso é froito da xenerosidade. Non considero que ninguén me daba nada.