Por que dimitir

AROUSA

CON GOTAS | O |

07 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

CADA quen, neste mundo, fai as cousas á súa maneira. O PP, por exemplo, ten o seu teito de asunción de responsabilidades ben claro: a letra estrita da lei. É por iso que ningún cargo conservador en problemas adoita renunciar antes de que se produza unha sentenza xudicial firme na súa contra. Velaí por que un alcalde coma o de Xinzo, o inefable Isaac Vila, puido volver presentarse logo de cumprir o seu período de inhabilitación por prevaricación sen un mal remordemento. Legalmente perfecto. Porén, quen fai ou quere facer da súa acción política un exercicio de ética e civismo por riba do meramente xurídico non pode contentarse coa tinta do Código Civil ou o Penal. Ten que ir máis aló. Se o PSOE decidise obviar o ditame da xunta electoral e manter a León na alcaldía mentres os tribunais resolven a súa condición legal, por moitas razóns xurídicas que puidese defender estaría traizoando o seu propio nivel de esixencia. E, sobre todo, os valores de rectitude que afirma querer impor na convivencia de todos nós. Éche así.