Amegrove debuta cun noveno posto na Liga do Noroeste, e os cadetes de Mecos son terceiros en La Maruca

La Voz LA VOZ | VILAGARCÍA

AROUSA

? traíña de Amegrove asinou onte un discreto noveno posto na regata inaugural da Liga do Noroeste 2007, a XXI Bandeira de Redondela. Unha actuación por debaixo do agardado, mesmo ante o anuncio da directiva do club de atoparse ante unha tempada de transición na que a base cobra protagonismo sobre as fichaxes foráneas. A embarcación grovense saíu na cuarta tanda da regata redondelana, a de honra, mercede á súa condición de vixente subcampión da Liga. Pero a traíña de Amegrove non só asinou o peor tempo dos catro teóricos favoritos ao trunfo, senón que nin foi quen de rematar entre a primeira metade dos trece clubs participantes. Tirán, con 18.46.36, levouse a bandeira, impoñéndose ao vixente campión, Samertolameu de Meira, con 18.57.55. Náutico de Vigo foi terceiro (19.00.04), Perillo cuarto (19.01.88), Chapela quinto (19.14.84), Esteirana sexto (19.20.42), Coruxo sétimo (19.22.49), Póboa oitavo (19.34.11), Amegrove noveno (19.34.61), A Cabana décimo (19.40.50), Castropol undécimo (19.47.92), Ares duodécimo (19.56.88) e As Xubias decimoterceiro e último (21.11.01). Moito mellor lle foron as cousas á trainerilla cadete de Mecos. Onte, en Santander, a embarcación grovense subíuse ao podio da Travesía La Maruca co terceiro mellor crono, 17.07, só por detrás de Chapela, 16.56, e Mundaka, 17.06. Castro Urdiales, con 17.33, foi cuarto. Curiosamente, a trainerilla cadete de Mecos superou amplamente á xuvenil, que baixo a denominación de San Martiño finalizou decimosegunda, dun total de 18 participantes. A traíña de Mecos toma hoxe o relevo á canteira no Memorial Paco Fenosa, en Chapela.