«Un goberno de dez concelleiros pode funcionar perfectamente»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

ALEJANDRO RODRÍGUEZ

O novo rexedor pide lealdade á oposición e lamenta a «desconfianza» de Esquerda Unida, aínda que asegura que as portas «estarán abertas» para redondear un tripartito

16 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Enrique León estreouse onte como alcalde, no pleno que puxo en marcha en Vilagarcía un bipartito en minoría conformado por sete concelleiros do PSOE e tres do BNG. Quedan, advirte o novo rexedor, cuestións importantes por materializar cos nacionalistas. Pero o acordo básico está acadado «e agora toca gobernar para todos os vilagarciáns», asegura. -¿Como se sente un co bastón de mando na man? -Cunha gran responsabilidade. Como hai dez minutos [no momento da entrevista, hai apenas uns intres que Enrique León tomara posesión] pero cunha gran responsabilidade, naturalmente. -Supoño que o anuncio dun goberno conxunto co BNG é froito da negociación de última hora. -Onte [polo venres] tivemos á tarde unha xuntanza e chegamos a un acordo, efectivamente. Aínda non está desenvolvido en todas as súas fases, pero xa hai un acordo básico para gobernar. Veremos a partir dos vindeiros días cal son as áreas de responsabilidade. -¿Aínda non están definidas esas concellerías? -Non, aínda non entramos nese debate. Haberá que poñelo en marcha a partir do luns, gobernando xa e culminando a negociación do acordo co BNG. -Entendo, polo tanto, que na cidade se pon en marcha un goberno bipartito, sen a presenza de EU. ¿É así? -Haberá en Vilagarcía un goberno entre o PSOE e o BNG, efectivamente. Eu o desmarque de Esquerda Unida non o entendo. Gobernar non é só facer discursos, é outra cousa. Se queren gobernar de verdade, nós chamámolos. Dende o día das eleccións nós temos o mandato, o encargo dos cidadáns de gobernar. Os que queiran gobernar, se queren facelo, teñen que vir gobernar con nós. E así chamamos a todas as forzas progresistas. O BNG aceptou. Eles parece ser que non. -Acúsanos a vostedes de falta de concreción... -Si, acúsannos de inconcreción. Pero fomos os primeiros que presentamos un proxecto de programa común, eles só o fixeron despois. O normal é que se nós os invitamos a gobernar, eles traian as súas propostas tamén. Nós, como candidatura máis votada, temos a responsabilidade de gobernar por riba de todo, mesmo en solitario, con sete concelleiros, esa é a nosa responsabilidade. Nós non podemos facerlle a EU o seu traballo. Un pacto de cabaleiros é vinde gobernar, e vinde coas vosas propostas. -Semella existir unha certa desconfianza mutua. -Non, desconfianza mutua non. En absoluto. De feito, na primeira entrevista que tivemos con eles, atopámolos nunha óptima disposición. Pensamos que había unha disposición boa, positiva, para gobernar en común. Despois, efectivamente, demostraron ter unha gran desconfianza cara nós. Non sei por que. Non sei cal é o motivo, pero esa desconfianza existe, si. -Din tamén que lles faltou determinación para unha política de cambio... -Pero é que o problema non son determinados cambios. Das propostas que eles ao final trouxeron, algunhas eran perfectamente asumibles, pero outras non porque nin sequera dependen do goberno municipal. Nós temos pouco que ver coa presidencia da Autoridade Portuaria, por exemplo, ou cos problemas da Xunta. Esta é unha corporación municipal. Poderase facer certa orientación, si, do que nós concibimos que debe ser o Porto, pero ata aí chegamos. Non temos competencias sobre a xestión portuaria, máis que os tres representantes do Concello que se sentan no consello de administración. Logo hai outras cuestións que... A ver, a min acúsanme de marchar dunha reunión. O último día marchei ás once e pico da noite, cando a reunión rematou pasadas as doce. E comuniqueillo a todo o mundo. Pero o que non din é que ese día eles tivéronnos corenta e cinco minutos agardando. Diso non falan. A min todo iso o único que me fai pensar é nesa desconfianza da que falabamos antes. -De todos os xeitos, ¿cal será a postura do goberno cara a Esquerda Unida? -Estamos abertos, esa é a palabra. Estamos abertos ao diálogo con eles se de verdade queren gobernar. -Hai quen pensa, mesmo en EU, que ese goberno tripartito estaría feito xa se quen gobernase antes Vilagarcía fose o PP. -Si, o pacto estaría feito, eu compártoo. Pero ¿iso que quere dicir? ¿Que teñen menos confianza en nós cando gobernamos que cando goberna o PP? Non ten sentido. -Tampouco falta quen sosteña que sombra de Javier Gago é moi alongada... -¿Pero como alongada? Diso teñen que irse esquecendo. Gago xa non é o alcalde, e tampouco poden estar pendentes de cada paso que dea o home. Eu dicíallo a Esquerda Unida nas primeiras reunións que tiñamos. Por algo o seu foi o goberno municipal máis valorado da provincia de Pontevedra e o segundo ou terceiro de Galicia logo de 16 anos. Non é lóxico manter ese resquemor. Hai que agradecerlle a Gago que durante 16 anos fixera un labor encomiable. E iso está á vista de todo o mundo. -Ben, toca falar de futuro. Aínda co BNG, o goberno municipal estará en minoría. ¿Preocúpalle? -Creo que un goberno de dez concelleiros pode funcionar perfectamente. Agora, como di vostede, toca gobernar e falar de futuro, de cuestións que non poden agardar, como os orzamentos municipais deste ano.