VENTO DA TRAVESÍA | O |
09 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.RESULTA que os que somos da aldea e da parte occidental de Galicia, andamos media vida un tanto avergoñados a evitar que na fala se nos escapase a gheada e fixéronos relacionar o falar ben con ese son do [g], tan fino, tan de Academia, tan de xente ben porque, tradicionalmente, vénse asociando este fenómeno fonético da gheada coas clases sociais deprimidas, faltas de coñecementos e de formación ou, como moito, cunha perniciosa influenza do castelán. E así, tantas veces, escapóusenos o delator son [gh] que nos deixaba coma descuberta a nosa notoria orixe rural aínda que, a verdade, no Grove -ou Ghrove-, sempre tan propios, tan empeñados en aparecer distintos, xa se presumía, ou xustificábase, o suposto erro, dicindo aquilo, de «o ghalegho do Ghrove ghode a gharhanta»; unha frase que, por suposto, para o oínte avisado, non era máis que unha confirmación da teoría do excusatio non petita, acusatio manifesta. Hai que dicir, tamén, que o son [gh] ten máis aplicación en outras linguas que a da seca e áspera pronuncia da j en castelán. Pero, ollo, hai investigacións actuais, a ver se se confirman, que empezan a razoar que a gheada obedece ou a un substrato lingüístico previo ó latín ou a unha evolución propia do galego e que, polo tanto, habería que empezar a permitir ese uso ata agora perseguido. Así que: Ou resulta que os falantes que, na intimidade, Aznar dixit, ou cando se nos escapa, utilizamos a gheada estaríamos a selos galegofalantes máis auténticos ou os máis avanzados. Non estaría mal que seguiran adiante as pescudas e que se establecera coma normativo, ou permitido, ou recomendado na fala o son [gh] no canto do [g]. Sen dúbida sería un avance porque iría no mesmo camiño que os elementais razoamentos que explican que o emprego da lingua materna implica, no ensino e na fala diaria, con toda evidencia, unha maior facilidade tanto para aprendizaxe como para as relacións comúns.