O pombal
31 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.As palabras están para facer con elas o que a un lle pete, como ben sabe aquel camareiro de Xinzo que serviu «un güisqui a pelo seco» ou certo presidente da Autoridade Portuaria que xamais deixaría aos seus compañeiros «na estocada» ao tempo que tanto admiraba aos enxeñeiros «municiosos». A única diferenza entre uns e outros é a habilidade para xogar con esas cousas feitas de letras, ou de sons, que calquera se pon agora a marcar prioridades. Camilo Franco ten por algures un manual, probablemente na cachola -toma aí material espeso para un par de chistes- que lle funciona como unha auténtica máquina nisto de poñer puntos sobre os íes e colocar como é debido os pronomes átonos. Aínda que el diga que non, por agora vainos poñendo mellor que Rajoy. O conto é que Camilo conta as palabras. E desas palabras contadas sae Palabras contadas , escolma de relatos breves e argumentos para novelas coa que percorre o país xunto á maxistral guitarra de Magís Blanco. Para quen non teña máis referencias, se cadra non veña mal lembrar o nome de La Rosa, mítico grupo aló polos oitenta. Se a referencia funcionou, lembrar tamén que o seu próximo disco, o de Magís, non o de La Rosa, chegará aos andeis logo do verán, máis ou menos. En fin, Camilo e Magís están en xira promocional deste libro no que ben merecerían figurar as derradeiras verbas que, segundo conta o seu propio fillo nas súas memorias, besbesellou o pai de Sabina antes de estricar a perna: «¿De dónde sacarán las diputaciones tanto dinero?». Ben, o asunto é que a xira recalou onte en Vilagarcía. Camilo e Magís buscaban un bar. Coa sede que sempre demostraron é incomprensible que non o atoparan, pero así foi. Afortunadamente aí estaba a libraría Arousa onde outro Blanco, Carlos neste caso, fixo as veces de anfitrión. O libro, en serio, paga a pena, e aínda por riba leva o careto do autor por diante e por tras. El mesmo o di: «A literatura non se vende, os libros si». Merquen, oh.