Ratón asina o seu compromiso coa residencia e sitúa o centro de día no edificio do Bosque

La Voz LA VOZ | VILAGARCÍA

AROUSA

?astro Ratón aproveitou o seu último almorzo de campaña para afinar, onte, as palabras do Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, cando se comprometeu a presentar ao padroado da residencia Divina Pastora de Vilagarcía un compromiso para a súa integración na rede pública. Este anuncio, cualificado de «pura propaganda electoral» polo candidato do PP, Tomás Fole, foi recuperado onte polo seu contrincante nacionalista na forma dun «compromiso persoal» independente, ademais, dos resultados que as urnas deparen o domingo. «Falta de escrúpulos» ou «desvergoña» foron algunhas das etiquetas que o candidato do BNG aplicou ao PP, partido que «non dubida en faltar á dignidade da xente como vén facendo coas institucións sociais». Ratón puxo o exemplo do convenio de LAR que Louzán e Fole -«non se sabe se clandestinamente, como asesor ou o grao que el teña aí»- veñen de presentar. E afirmou que «nos vindeiros meses a residencia atopará unha fórmula para entrar na rede, no que cabe a posibilidade de que pase a titularidade municipal para a posterior integración no Consorcio de Benestar». Ratón acusa ao PP de «abusar da boa fe» dos xestores actuais das instalacións, posto que, ao fin e o cabo, son o alcalde e o párroco, como copresidentes do padroado, os destinatarios de calquera iniciativa neste senso. Ademais, o número 1 do BNG puxo emprazamento do futuro centro de día: «Os baixos do edificio multiusos que se constrúe no Bosque». Mensaxes finais con retranca: «Hai que votar Ratibrón na urna para que o BNG bote a Louzán da Deputación», «o feito de que Diéguez tema a un alcalde do Bloque é unha excelente razón para votarnos», «Fajardo non nos dará leccións de nada cando Comisións ten esa traxectoria vergonzante en Ence» e «¿cal é a disposición real de acordos de León?».