Ratón pide o voto útil do electorado progresista de Vilagarcía para o BNG

La Voz LA VOZ | VILAGARCÍA

AROUSA

09 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? candidatura do BNG de Vilagarcía fixo onte un pequeno alto na precampaña, eufemismo do que en realidade é un proceso comezado hai semanas, para valorar a marcha das distintas formacións na capital arousá, ás portas xa da pegada de carteis. Neste senso, e a xeito de resumo das súas reflexións, o aspirante nacionalista á alcaldía, Xosé Castro Ratón, enviou unha mensaxe ao electorado progresista da cidade. «O do Bloque -dixo- é o auténtico voto útil, non para substituír a ninguén, senón para chegar ao goberno e acadar un cambio». A formación nacionalista entende que a súa é a única proposta que incide no verdadeiro problema da capital arousá, unha «decadencia» que comezou no eido político, «coa fin da era Gago» pero que, cre Castro Ratón, esténdese xa ao conxunto da sociedade. Fronte ao interrogante, «¿Quo vadis Vilagarcía?», o BNG aposta por un plano estratéxico, unha Axenda 2015, unha folla de rota que marque o que a cidade debe ser, «devolvéndolle o dinamismo, saíndo deste marasmo como elemento básico no club das cidades galegas». Dentro do seu diagnóstico, os nacionalistas sitúanse como a única forza que enceta «unha campaña en termos de goberno». Ratón reclama para o seu equipo -estivo acompañado polas tres mulleres que o acompañan na cabeza de lista, Ana Isabel Lorenzo, Rosa Abuín e Raquel Torrado- o papel de garante de que Vilagarcía disporá dun goberno progresista, polo que o BNG aposta sen complexos. Pero é máis, reclama para si a experiencia precisa para tomar a súa guía «dende o mesmo momento da toma da posesión». E, por exemplo, retomar os orzamentos durmidos para convertelos nun instrumento de planificación esencial. «¿Quen o vai facer senón, alguén que non ten experiencia? Non, é a nosa responsabilidade», di Ratón. En canto ao camiño percorrido ata o de agora polos seus contrincantes, o aspirante do Bloque ve «bisoñez enorme e absoluto desconcerto» no PSOE de Enrique León; «mensaxes contraditorias, propoñendo que goberne a foza máis votada sabendo que non serán eles, e a agresividade importada de quen se sitúa xa na oposición» no PP de Fole; a Ivil e a Rivera Mallo ilústraos en clave Star Wars como «a forza escura que vén das montañas» nas que se agocha a incógnita do seu resultado; e reprocha a EU e a Fajardo «a incapacidade para saltar da adolescencia de enfant terrible á responsabilidade e á madurez política».