Entrevista | Alberto García García O decano dos alcaldes da bisbarra cre poder aportar aínda moito a Catoira
08 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?e alguén pode aspirar á etiqueta de histórico, este é sen dúbida Alberto García. -A ver se me saen as contas. Leva vostede 18 anos na alcaldía e 28... -Levo dende o 79 como concelleiro e dende mediados de xuño do 89 como alcalde. Así que estou a piques de cumprir eses 18 anos, efectivamente. -É vostede o alcalde máis lonxevo de cantos seguen en activo por aquí. -Pois non sei, levo tempo, pero creo que si. -¿E non corre o risco de levar o camiño das Torres de Oeste? ¿De ficar como pedra, un monumento? -Imos ver. Se eu son alcalde é pola confianza que os veciños me prestaron durante tanto tempo. Non me vou comparar ás Torres de Oeste, pero hai que estar agradecido de que a xente te queira e te aprecie tanto. Creo que é porque sempre traballamos para os veciños e para Catoira en xeral. -Falouse no seu día de Margarita Lobato como posible sucesora. Agora non vai na lista... -O meu traballo está aí, e sinceramente creo que podo seguir traballando por Catoira agora máis ca nunca. Máis que durante os 16 anos de portas e billas pechadas na Xunta, e daqueles oito anos do PP no Goberno do Estado. Con respecto á lista, debo dicir que nunca houbo un problema, e se eu fun candidato foi porque sempre me pediron que o fose. Margarita, a vez anterior, xa foi un pouco forzada. Dixo que era a última vez. E así foi. Máis nada. -¿Pero ten vostede data de caducidade ou non lle pon limitacións aínda? -A data de caducidade vouna poñer cando pasen as eleccións. Sexa cal sexa o resultado, aínda que estamos nunha situación inmellorable para recuperar a maioría absoluta. -¿Que lle parecería ter a Gago de volta como secretario do Concello? -Creo que Gago ten opcións a outras responsabilidades políticas, non administrativas como funcionario, senón como político. É unha pena que se perda un home da súa valía. Eu encantado de telo de volta aquí, comigo, porque faría un excelente labor, pero non creo que os tiros vaian por esta parte. -¿E Milladoiro? ¿Gústalle a súa música? -Sempre escoitei a súa música, sempre fun fan seu e sígoo sendo. Non teño nada en contra nin da música nin das persoas de Milladoiro. Tamén entendo que para ser alcalde non é suficiente garantía ser bo músico ou bo vendedor de medicamentos. -O que si parece coñecer ben é a súa páxina web... -Como todos andamos a presumir das novas tecnoloxías, hai que informarse en Internet. E todo o mundo pode acceder á páxina web de Milladoiro. Digo o que xa dixen. Vexo moi difícil non xa compaxinar a alcaldía, porque o BNG non a vai ter, senón simplemente facer compatible a concellería coas xiras do grupo. -Falando de xiras, di Nando Casal que é imposible levar alcantarillado aos veciños de Bos Aires. ¿Que lle pode levar vostede a aquela xente? -Dende o 2001 estoulles levando axuda aos veciños que temos en Arxentina, mesmo cumprindo acordos do Concello. E nunha das últimas viaxes acompañáronnos os voceiros do BNG e do PP. Son moitos quilómetros para o alcantarillado, pero si se lles pode axudar con información sobre os dereitos que teñen. Porque moitas veces esa información, por exemplo sobre as pensións, non lles chega. O Bloque, cando non lle dan o voto, quéreo quitar, pero os españois e os galegos teñen dereito a votar. -¿Pero non coincide con Pepe Blanco na necesidade de revisar o dereito a voto en certas eleccións? -A un galego, a un español, non se lle poden limitar nin o voto nin a cidadanía. Son dereitos que non se poden quitar, iso cae de caixón, é evidente. Outra cousa é facer o posible para que sexa totalmente transparente e lexítimo, aplicar unha fórmula segura democraticamente.