Entrevista | Marcos Coira Guimarey Coira quere darlle novos aires a un PP que foi o salvavidas de García estes anos
04 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Marcos Coira é un dos grandes descoñecidos da contenda electoral. Licenciado en Ciencias Políticas, oficial administrativo de profesión -traballa nunha empresa de Caleiro (Vilanova), casado, veciño de Dimo e con trinta anos de idade. Hai catro anos xa participou nunhas eleccións municipais como número tres do PP. Agora ten que pedirlle aos veciños que lle voten para alcalde. -Estrease con dous pesos pesados: o alcalde de toda a vida, Alberto García, (PSOE) e un mediático e combativo Nando Casal (BNG). David contra Goliat. -Pode ser a oportunidade de que David tumbe a Goliat. O señor Alberto xa leva moito tempo e o que tiña que dar de si, xa o deu. É un goberno rancio e sen ideas que aínda que renove a lista, é máis do mesmo. En canto ao señor Nando Casal, é verdade que ten maior repercusión mediática ca min polo tema da música, pero eu e moitos veciños temos a dúbida de por que el se mete en política. A alcaldía non se pode converter nun capricho nin nun xogo, e a nosa dúbida é como vai compaxinar a súa labor de músico, dun gran músico por certo, coa política. O alcalde ten que selo de luns a domingo. -¿Cal é a súa relación con eles? -Co alcalde teño relación como veciño e con Nando Casal teño contacto pola farmacia e incluso cando estudaba tiven con el unha grata conversación sobre música. É unha boa relación, como debe ser. -Comparacións bíblicas aparte, os números non están moito da súa parte para gañar as eleccións. -Nós vamos loitar por gañalas. -¿A quen lle van sacar os votos? -Nos pobos pequenos sóese votar á persoa, aínda que poida haber un certo fundamento ideolóxico. Do PSOE podemos conseguir votos dos descontentos con Alberto, pero que non quere darlle a súa confianza ao BNG. O voto do Bloque é difícil porque está moi ideoloxizado, pero penso que podemos mostrarnos como alternativa. E logo confiamos en recuperar os votos que algún día se foron para outro partido como foi o caso dos independentes. -A retirada da candidatura independente abre novas portas ¿non? -Realmente é unha pena porque se perde unha opción máis, pero cremos que si, que se pode recuperar ese voto. -¿A política que fixo o PP nestes catro anos supón un lastre para vostede? -...Eu non falaría dun lastre. -Quizá ao electorado lle custe entender que o PP se converterá no gran salvavidas do PSOE nesta lexislatura aprobándolle os catro orzamentos municipais. -Desde logo un pacto co PSOE non o houbo, se o houbo soterrado habería que preguntarlle a Sindo. Eu sei que se trataba de buscar o mellor para o pobo de Catoira pero tampouco hai que esquecer que o BNG opúxose a todo. Hai que sopesar as dúas actitudes. Habería que preguntarlle ao BNG se sufriron algunha presión para facer unha política así porque a mellor maneira de poñer as cartas sobre a mesa era expor unha moción de censura. -Falemos de vostede. ¿Como se leva iso de perder o anonimato e verse nos carteis pola rúa? -Realmente vai todo demasiado rápido. Cambioume a vida, pero para ben. Téñolle que sacar tempo á familia para dedicarllo á política. Estou coñecendo a moita xente e problemas de Catoira que descoñecía. Hai momentos difíciles, pero cando hai un bo equipo detrás faise todo máis levadeiro. -Estudante de Políticas, o seu víase vir ¿non? -Si, a min desde pequeno xa me gustaba a política. -Gustaríalle facer carreira profesional na política. -Si, pero agora hai que centrarse no día 27 de maio.