Entrevista | Carlos Otero Chaves Aínda que ata o de agora a xente «non confiou noBNG», Otero Chaves espera conseguir cambiar esa tendencia
02 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Dar con Carlos Otero non é fácil. Falar con el un cacho, aínda menos. O candidato do BNG da Illa, bateeiro de profesión, leva unha tempada sen parar. «Estamos facendo unha reparación no barco e, claro, estou liadísimo e completamente esgotado». -Pois o que lle queda... -Si, a verdade. Agora é cando o estrés e o cansazo se vai a acumular. Vai ser durillo, pero ata que chegue xullo non poderemos parar para respirar. -¿Pensa que daquela vai ser alcalde? -Non o sei. Eu, sinceramente, penso que hai moitas posibilidades de que todo siga igual. A única candidatura que aposta por cambiar as cousas é o BNG, pero ata o de agora a xente da Illa non confiou no Bloque para nada. -¿E iso vai cambiar? ¿Gañáronse a confianza dos veciños? -Eu xa non creo que sexa cuestión de confianza. O que temos que conseguir é que a xente analice o que pasa ao seu redor, que o mire, e que pense. Se fai todo iso, verán que non lle queda outra que votarlle ao BNG. O que nós podemos facer ben se vé en todos os sitios nos que gobernamos: traballamos pola xente, non por catro construtores, por catro xestorías e por catro chupatintas. -Vostede é bateeiro, e os bateeiros teñen fama de ter cartos. ¿Podería pagar un piso na Arousa? -Dito doutra maneira, ¿pode un bateeiro pagar cincuenta millóns por un piso? Hai pouco máis dun ano, aínda se podían mercar pisos por quince millóns. Pero logo disparouse todo. De feito, dun tempo para aquí a xente non merca na Illa, merca casa en Vilanova, en Cambados, ou mesmo en Vilagarcía. Hai xente que está a mercar pisos en Fexdega -e falamos do centro mesmo de Vilagarcía- porque aquí non pode pagalos... Logo hai outra cousa: En materia de urbanismo se están a cometer grandes erros, como o do Furado. ¿Como pode ser que un edificio que se fai pegado ao mar, que é unha monstruosidade, sexa legal, e que as casas que hai detrás sexan ilegais? Iso é unha aberración. -Xa estamos na Beira do Mar... -É certo que eses veciños fixeron as casas sen permisos. Pero tamén é certo que teñen auga, luz, alcantarillado... O que se tería que ter feito nese caso era paralizarlle as obras cando as estaban a facer. O que está a pasar agora é tanto culpa, ou mellor dito responsabilidade, dos veciños e de quen lles permitiu facer para adiante. O que non ten lóxica é que as casas deses veciños sexan ilegais, e o monstro que lle están a facer diante non o sexa. Ese é un dos moitos erros do PXOM, que é nefasto. -Sempre que desde a oposición din que o PXOM é nefasto, desde o goberno lembran... -...Que foi aprobado por unanimidade, xa sei. É certo, pero na aprobación do PXOM da Illa houbo moitas presións políticas e sociais. Aos grupos da oposición dicíasenos que ou votábamos que si a aquel documento, ou que iamos ser culpables da paralización da Illa e de que as vivendas do Cabodeiro non se fosen poder legalizar. Daquela cedemos á presión, tanto política como popular. Foi un erro, está claro. O PXOM foi un erro. Segue a selo. -Fóra do urbanismo, haberá outras cousas que queiran cambiar na Illa. -A principal é o urbanismo. Pero tamén queremos cambiar a forma de facer política, porque hai unha falla de diálogo e comunicación absoluta do goberno coa oposición e cos veciños. E tamén queremos cambiar a imaxe do noso pobo. Unha imaxe de sucidade, de que está todo feito a cachos. O Concello ten que marcar unhas directrices, seguilas, e facer que os veciños tamén as sigan. A Illa está deixando de ser un pobo mariñeiro para converterse nunha chafallada.