«Vilagarcía é un lugar no que se pode durmir estupendamente»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

Entrevista | José Juan Durán Hermida Durán atribúe a crispación vilanovesa á oposición do socialista Rodrigo Santiago

27 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?alia as idas e voltas en torno ao tema, José Juan Durán repite a posición de hai catro anos como número tres do seu irmán, o alcalde de Vilanova. -¿Alonxouno a asunción de responsabilidades provinciais da política local? -A min alónxame en canto a presenza física. Pero dende a Deputación sigo estando e colaborando coa política local, mesmo dende outras áreas, como poden ser Obras, o proxecto de Pontearnelas... Un non pode estar en dous sitios á vez, pero en liñas xerais actividades que viña desempeñando, como o eido cultural, seguen estando puxantes. E hai que lembrar á xente que traballa na concellería, que é fundamental, moi importante. -Hai quen di que o equipo co seu irmán Gonzalo rachou hai tempo. -Non. O que é evidente é que non teño a presenza física no goberno que tiña antes. Iso, dende o punto de vista dun traballo cóbado con cóbado, evidentemente non se dá neste momento. A partir de aí, eu defendo o meu dereito, e Gonzalo ten o seu dereito e a última palabra como alcalde, a manter opinións distintas. É absolutamente lexítimo e totalmente lóxico. -A oposición atribúelle a vostede unha parte na crispación política da vila. -En absoluto, pola mesma razón que che dicía antes, a miña presenza na política local estes catro anos foi limitada. O que si é certo é que nos catro anos anteriores, o nivel de hostilidade política que desenvolveron, primeiro máis o BNG e no seguinte mandato o PSOE, fixo que o discurso e a estratexia do PP e do goberno municipal tivesen que endurecerse, porque se estaba chegando a niveis de crispación sen parangón. Pero nin asumo nin me vexo nesa espiral de crispación. A chegada de Rodrigo Santiago á cabeza de lista do PSOE supuxo o inicio desta etapa que rebasa o límite da confrontación política a campos que non son de recibo. Se os resultados son os que auguran as enquisas, se cadra o PSOE se replantea certos lideratos nominais máis que reais. -O alcalde vén de pintar a liña rosa dos 500 metros. ¿Que pasa co urbanismo? -Deixando claro que é un tema no que non teño ningunha competencia no goberno local, o que afirmo é que foi empregado como arma arroxadiza polo PSOE dende o primeiro momento, e especialmente dende que chegou á Xunta. Gonzalo e unha serie de compañeiros, os que están máis no día a día da xestión, desenvolveron a defensa dos vilanoveses. É un papel que hai que recoñecerlles fronte a quen quere converter unha ferramenta de desenvolvemento nunha arma política. Estou convencido de que ao PSOE vaille pasar factura. -¿Que futuro lle agarda agora ao PXOM? -Se a Xunta goberna en termos de cidadáns, debe ter a grandeza de darlle luz verde, que é o que corresponde, recoñecendo o esforzo ímprobo de negociación realizado polo Concello e o seu alcalde. -¿É tan necesaria a área comercial de Deiro? -Dende o punto de vista do emprego e da implantación de equipamentos, non hai máis que comprobar os efectos de instalacións semellantes en concellos das nosas dimensións. -Pregunta proba. ¿Onde se durme mellor, en Vilagarcía ou en Vilanova? -Vilagarcía é un lugar onde se pode durmir, e de feito se durme, estupendamente. É confortable, pero eu tento pasar todo o tempo que podo en Vilanova. -¿Por que non sumarse á lista de Fole, logo? -Nunca o pensei. Certo é que mantiven silencio, e iso deu lugar a especulacións. -¿Está en xogo a Deputación no Salnés? -No Salnés a quiniela é un 2, de dous escanos, mesmo ampliando o diferencial coa forza que, en termos de ciencia ficción, podería disputar un deles, o BNG.