Renfe programa unha xornada sobre accidentes ferroviarios

La Voz LA VOZ | VILAGARCÍA

AROUSA

Participarán expertos en prevención de riscos e en investigación As conferencias terán lugar o día 19 deste mes no auditorio vilagarcián

11 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?enfe elixiu o auditorio municipal de Vilagarcía para a celebración dunha xornada sobre accidentes ferroviarios. As charlas terán lugar o 19 deste mes de abril e nelas intervirán expertos en temas como a prevención de riscos, a actuación en caso de sinistro, a investigación das causas, a instrución de dilixencias ou a responsabilidade civil. O alcalde, Javier Gago, será o encargado de inaugurar esta sesión á que se lle dou o nome de Xornada de Coordinación de Investigación de Accidentes . Canda el estará o xefe superior de Policía de Galicia, Luis Manuel García Maña, mentres que o acto de clausura correrá a cargo do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández Álvarez. Tamén intervirá nestas ponencias José Ramón Ferradás, director de Protección Civil e Prevención de Riscos, que será o encargado de introducir o tema e de falar sobre as actuacións de protección civil, seguridade e prevención de riscos no caso de incidentes ou accidentes graves. Manuel Conde, xefe do gabinete de investigación de accidentes, falará sobre os procedementos que rexen en relación coa investigación de sinistros en Renfe. José Francisco Conde Martí, director adxunto da asesoría xurídica, disertará sobre os suxeitos da responsabilidade civil nos accidentes ferroviarios. Os xerentes de media distancia e de mercadorías de Renfe en Galicia analizarán a repercusión dos accidentes e a súa resolución na xestión comercial. Tamén participará nestas xornadas Enrique León Calviño, ex comisario da Policía Nacional, que reflexionará sobre un tipo de sucesos que de cando en vez fan tremer á cidadanía: os atropelos de persoas por parte dos trens. Mentres, José Manuel Lorenzo Fuentes, actual xefe da comisaría de Vilagarcía, centrará a súa intervención na actuación policial no caso de accidentes ferroviarios. Tamén falarán responsables da Garda Civil, que abordarán as actuacións dos corpos de seguridade do Estado na investigación de sinistros. Por último, Juan Carlos Carballal Paradela, xuíz de Cambados, exporá as dilixencias urxentes de instrución co xulgado de garda. Coloquios Pero ademais do interese dos propios relatorios, a xornada ofrecerá tamén a oportunidade de establecer coloquios nos que se analizarán con maior profundidade os temas tratados con anterioridade. Da organización deste ciclo ocupáronse a dirección xeral de Seguridade, Organización e Recursos Humanos, a dirección corporativa de Seguridade na Circulación e a dirección corporativa de Protección Civil, Seguridade e Prevención de Riscos. O programa desenvolverase ao longo da mañá do día 19 deste mes.