CON GOTAS | O |
27 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.¿A QUEN lle estraña que un fulano adopte maneiras de faraón e tire para diante cunha especie de pirámide ilegal no Piñeiro? Hai xa moito tempo que este país está abonado ao descalostre urbanístico. Dende que os emigrantes de Suíza e Alemaña volveron cun remanente económico descoñecido ata entón e teimaron en repetir por abas de montes e bagoadas as arquitecturas extraterrestres que atopaban por eses mundos de deus, deixando que as casas de pedra dos avós caesen de puro podre, a paz desapareceu da nosa paisaxe. O malo é que, trinta anos despois do despegue de semellante fenómeno, determinados alcaldes manteñan viva a idea de que toda finca é un solar urbanizable, estea no piricoto máis alto ou na mesma praia. Non hai que ir lonxe para coñecer a munícipes insubmisos, que pasan a lei polo forro na procura dun penoso e demagóxico rédito electoral, ou a construtores con bastón de mando, facendo da xestión pública unha eira onde seguir mallando cartos. O faraón mete ladrillo, pero os sacerdotes danlle o exemplo. Lamentable.