Protagonistas da noticia

Bea Costa
Bea Costa VILAGARCÍA

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

En directo | Programa Prensa-Escola Despois de visitar a central de La Voz e gañar o concurso de blogs, aos rapaces xa só lles quedaba saber como se cociñan as novas máis próximas, por exemplo, do Grove

19 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?s alumnos de terceiro e cuarto da ESO das Bizocas tiveron onte unha clase especial. Co almorzo aínda recente e a golpe de luns, tocaba charla dunha xornalista de La Voz de Galicia. Non había guión previo de xeito que unha servidora falou do que máis sabe e do que lles podía resultar máis próximo: a actualidade local. Os alumnos xa estiveron a semana pasada na catedral de La Voz, en Sabón, onde tiveron oportunidade de visitar as súas espectaculares instalacións, co museo e coa rotativa incluída. E tendo conta que no terreo da Internet poucas leccións se lle poden dar -que para algo obtiveron o premio de blogs convocado polo programa Prensa-Escola da Fundación Fernández-Latorre e Caixa Galicia- quizais o que conviña era falar da infantería do xornalismo: de como se traballa nunha redacción pequena. Estabamos nun centro que ten o privilexio de mirar á praia e nun municipio que se por algo se caracteriza é por estar moi presente nos medios. «E que no Grove sodes moi guerrilleiros», lles espetei con afán provocador. Como o auditorio non estaba versado nin na política nin en liortas conxunturais, nada mellor que levalos ao seu terreo para ilustralos sobre o fenómeno xornalístico. ¿Que tal unha protesta estudantil por un recorte de horario no recreo? O que eu non sabía é que estábame metendo nun terreo esvaradío porque, segundo me contaron logo, algo de polémica houbo no instituto por un asunto parecido e, claro, darlle ideas sobre como iso pode acabar ocupando media plana da folla do xornal pode ser perigosamente tentador. A chegada de Mejuto, o fotógrafo, foi providencial. O galiñeiro alborotouse e as mozas atusaron o pelo. Non houbo que dicir moito máis, ¿que mellor lección para comprender a importancia da imaxe no xornalismo? Ao final, son as fotos o que primeiro capta a atención do lector. Houbo unha soa pregunta e foi para saber como sabiamos dos accidentes. Contesto que a maior parte das veces a golpe de teléfono, chamando ás policías e ás proteccións civís, e tendo fontes de información. ¡benditas fontes! Sobre as bondades e miserias de dedicarse a este oficio..., xa tocara o timbre e o asunto da moito de si. Só unhas pinceladas: non hai horarios, non te fas rico e ás veces perdes o sono. Queda a vocación.