TRIBUNA LIBRE | O |
16 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O VENTO é un dos símbolos identitarios da nosa nación. «¡Galicia, patria do vento!», escribiu Ferrín. No albar da primavera sopran ventos ábregos na ribeira de Fefiñáns. O cambadés, Francisco Fernández Rei, membro da Real Academia e catedrático da USC, é o autor dunha fermosa iniciativa: a creación dunha fundación consagrada á figura e á obra de Ramón Cabanillas. A proposta tivo lugar no auditorio de Cambados. O profesor pronunciou unha brillante alocución. Entre outras cousas dixo: «Ninguén pon en dúbida que antes de 1936 a gran figura poética de Galicia é Cabanillas, á altura de Rosalía, Curros e Pondal, as tres coroas do noso Rexurdimento». E rematou: «Tamén me gustaría que en novembro do 2009, cando haxa que celebrar o cincuenta aniversario da morte do poeta, que daquela existise unha fundación que leve o nome de Ramón Cabanillas. Hai que intentalo». Dicía que sopran ventos propicios porque a idea sementada polo académico cambadés florece da man dun partido político nacionalista que iniciou as xestións para a constitución da arelada fundación adicada ao autor de Da terra asoballada . Todos os galegos celebraremos con ledicia a ilusiónante andaina desta nova entidade cultural. Cómpre, no entanto, ser máis reivindicativos. É de xustiza histórica honrar, homenaxear e recoñecer a Valle-Inclán e a Ramón Cabanillas, escritores libres, valentes, transgresores e belixerantes co caciquismo e cos totalitarismos, e que foron marxinados e esquecidos durante décadas (longa noite de pedra). Cambados, O Salnés e Galicia están en débeda cos dous poetas arousáns, por iso propoño a creación da Ruta Literaria do Salnés. Valle-Inclán e Cabanillas xa puxeron a primeira pedra desta ruta. Sucedeu durante unha estadía do poeta cambadés en Fefiñáns, aproveitando unha viaxe desde o desterro en Cuba. Principiou no pazo do Cuadrante, casa natal do vilanovés. Os peregrinos chegaban aquela mañá a Caleiro. Pola tarde visitaron o pazo de Rúa nova, fogar dos antepasados de Valle, e o monte Lobeira. En xornadas posteriores, os camiñantes percorreron Sobrán, Vilaxoán, San Simón (Baión), Meis, Ponte Arnelas, Besomaño, Barrantes, Armenteira, Meaño, Sanxenxo, Gondar, A Toxa, O Grove, A Lanzada. Á tardiña sempre volvían a Fefiñáns. Non existe unha ruta de tanta beleza lírica e paisaxística. O Salnés, ademais, atesoura un patrimonio etnográfico único. A Xunta de Galicia ten a palabra.