Á reunión desta noite irán grupos de Vilagarcía, Vilanova, Catoira, Cambados, Caldas, Ribadumia, Portas e tamén da outra banda da ría como Os Virutas de Toxo, de Boiro, e os Adelán, de Dodro. Estarán practicamente todos os que son no Salnés pois onte só quedaba pendente de convocar o grupo de San Pedro de Cea. Arousa é unha zona rica en tradición gaiteira e o futuro está garantido coas novas xeracións. Nos grupos abonda a xente moza, pero tamén están os veteranos e vellos que son xa institucións como é o caso de Manuel Santalla que con 83 anos segue tocando a gaita nos Encantiños do Umia. A muller vaise incorporando pouco a pouco, pero as que tiran do fol seguen sendo unha minoría. A maior parte dos grupos manteñen o modelo tradicional de catro compoñentes -dúas gaitas, tambor e bombo- e tamén hai xa un par de bandas.