A PDRA teme que a proposta do PSOE peche en falso os depósitos

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

Insiste no desmantelamento dos tanques de gasolina, fuel e gasoil O Porto entende que a ría non pode ser un punto de distribución de hidrocarburos

08 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

? Plataforma en Defensa da Ría de Arousa vén de recibir con frialdade a proposta non de lei na que o PSOE insta ao Parlamento galego a constituír unha mesa concertada sobre os depósitos de Ferrazo. O feito de centraren os socialistas o punto de mira na eliminación dos tráficos de gasolina, gasoil e fuel, mais non entrar a abordar o desmantelamento material dos tanques, parécelle, ao presidente do colectivo, Xaquín Rubido, «un resultado moi curto». A título persoal, posto que a PDRA non abordará a cuestión en asemblea ata a vindeira semana, Xocas cualifica esta iniciativa de «pouco satisfactoria». É máis, o responsable da Plataforma coida que un acordo no senso que propón o PSdeG podería levar «a un peche en falso» das polémicas instalacións». «De quedaren os depósitos, probablemente sexan reutilizados con produtos que non sexan directamente hidrocarburos, pero si teñan que ver con este tipo de substancias, como o biocombustible», apunta o presidente da entidade. Por esta razón, aposta pola desaparición física dos depósitos, mais non de todos eles. Só dos que conteñen fuel, gasolina e fueloil. O resto, os tráficos clásicos de Finsa-Foresa, como a urea e o metanol, «nunca foron obxecto da polémica», engade Xocas, que conclúe a súa opinión cunha imaxe gráfica: «É un paso adiante, porque o Parlamento aborde o tema, pero é un paso atrás en canto a contidos e polo feito de que sobre a mesa estean dúas propostas distintas, a do PSOE e a do BNG». A opinión que emana da Autoridade Portuaria coincide só en parte coa liña que onte manifestaba o presidente da PDRA. A institución asume que non ten sentido que na ría de Arousa funcione un punto de distribución de hidrocarburos. Por iso, coida que é factible intervir sobre a terminal de Ferrazo de acordo coa sentenza do TSXG, que cuestiona precisamente o subministro ao mercado de combustible refinado. Outra cousa é que se procuren contidos alternativos para os depósitos afectados, factor que o Porto valora como «lóxico» e «correcto». Na opinión dos seus responsables, a proposición do PSdeG mantense fiel ao acordo político do 2000 e á busca dunha saída negociada.