A festa empeza pola mesa

Begoña Paso VILAGARCÍA

AROUSA

Reportaxe | Actividades de Entroido no Salnés Seguen chegando invitacións para celebrar o Entroido e que mellor maneira que facelo comendo. No Liceo fan hoxe filloas e en Ribadumia anuncian xantares a pares

13 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

? Liceo Casino de Vilagarcía será dos primeiros en abrir a despensa. A partir das seis da tarde, os cheiriños a limón e azucre gañaranlle hoxe ao do salitre no Club de Mar. Alí desenrólase un obradoiro de repostería que servirá para dar e tomar leccións de como se deben facer unhas boas orellas ou as clásicas filloas. Aínda que se hai que falar de filloas é en Cambados onde poden presumir do título de expertos na materia. O luns volverán a ter ocasión de demostralo coa celebración do tradicional concurso. Os doces de Entroido non faltarán en ningún menú que se prece. Non desde logo en Ribadumia, onde, a falla de unha, o martes van facer dúas comidas de confraternidade: unha para mulleres e outra para homes, aínda que logo, á noite, xúntanse. Vese que a fórmula seguida no Grove dos compadres e das comadres vai collendo adeptos aínda que polas terras mecas seguen preferindo ir por separado. De ceas e de bailes imos ir servidos estes días por todas partes. No Liceo a cea será o martes e alí haberá, como debe ser, lacoada, cachucha e chourizos. Pero o Entroido tamén préstase para a innovación, e diso saben moito nos hoteis da Toxa. Se en Cambados vai haber o martes garotas brasileiras paseando polas rúas, na illa haberá comida carioca. Será o sábado 17, no Gran hotel, onde a festa coincidirá, ademais, cos actos de celebración dos centenario do establecemento. Menú carioca na Toxa A cea será no pavillón de congresos, polo sistema buffet e con pratos tan exóticos como camargo na moranga, ensalada de chucho, bacallau á grela, carneiro ao espeto e mousse de maracuiá. A continuación, os comensais poderán bailar ao ritmo dos timbais e, por suposto, non faltarán as bailarinas. A festa do Carnaval carioca da Toxa inclúe aloxamento, almorzo e copa de benvida, e sae por 185,50 euros. Para os que non teñan gañas de gastar tanto ou simplemente prefiran a oferta máis enxebre, non van ter problema. A partir do sábado haberá festivais, concursos de comparsas e festas dabondo e para todos os gustos. Tamén concertos, e diso en Valga van ben servidos. O sábado haberá un concerto infantil, a partir das 20.00 horas no centro de Cordeiro, e o sábado 24 será no mesmo lugar e hora, pero a cargo da Banda municipal. O domingo 25 será a quenda dos disfraces e das comparsas que poderán participar nos concursos que se van celebrar pola tarde no pavillón de Baño.