AREOSO | O |
13 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.ANDA algún político por aí algo desacougado porque deuse coa realidade de súpeto: os seus tamén minten. Normalmente o branco dos seus vaciles, porque eu penso que simplemente nos vacilan, son os currantes. Claro, cando se minten entre eles o sopapo é moi forte. Ven isto a conto pola Lei do litoral, que ninguén se parou a pensar que está claramente influída polo cambio climático. Cóntannos que as sete pragas bíblicas están a piques de chegar. Da primeira, que era a da capa de ozono que desaparecía cansada de aturarnos, parece que xa zafamos, ou polo menos xa non nos dan tanto a tabarra con ela. Agora ven a do quecemento global. Vanse fundir todos os xeos e imos afogar. E por aquí aparece a explicación da Lei do litoral. O dos cincocentos metros non é unha cifra ó chou. Como o mar vai subir polo menos vinte metros, compre colocar ben os marcos, que despois xa se sabe que hai moito listo, que dirá que si sube a marea e os move e cousas así. -¿E o da singularidade da Illa? -Pero imos ver. Si vai subir o mar, a Arousa desaparecerá, así que para que facer casas nun sitio que non ten futuro. É perder o tempo. Eu e que non cho creo. Non creo que veña o Al Gore ese a dicirnos que a culpa é nosa. Que temos que apagar nós a calefacción ou levantarnos da cama para darlle ao botón da televisión. Ven este fulano, que tivo un alto grado de responsabilidade nun dos países que máis contaminan do mundo, e todos estilo Bienvenido Míster Marshall. Que no. Que non me creo que non haxa algo para os coches, que son un dos principais focos de contaminación. Ou sexa, somos capaces de chantar un robot en Marte e de que nos envía imaxes, e non hai filtros que palíen os efectos dos tubos de escape? Manda truco.