Un debate de fondura

AROUSA

AREOSO | O |

06 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

SÓMOSCHE uns laretas, si nós os que escribimos no xornal. Andamos todo o día a correr, afogados polo paso que marca a actualidade e aínda atopamos tempo para a discusión porque, asegúrolles, nesta redacción haiche opinións para todo. Coma sempre, do que se trata é de convencer ao da outra mesa de que el está equivocado e de que ti levas razón e, coma case sempre, poucas veces se consegue. O debate convértese deste xeito nun exercicio máis liberador que de reflexión no que cada cal queda coa idea de partida. Pero hai que recoñecerlle aos meus compañeiros, sobre todo algúns, unha gran capacidade de convicción que fai tremer os cimentos dos argumentos máis firmes. Entón dáseche por pensar, por relativizar e atópaste coa bendición, as veces lastre, da dúbida. Estes días falamos moito da liberdade de expresión a conta da polémica que se montou cos blogs -será porque no noso oficio vainos moito niso- e a conclusión é: liberdade si, pero cuns límites. A cuestión é onde poñer os límites. Diranme que a resposta está na lei, pero este campo da Rede non ten cancelas e préstase para navegar sen rumbo, para moverse no limbo das ambigüidades e o anonimato. Así que o fenómeno ten elementos dabondo para seguir alimentándose sen risco de toparse con esa señora que pintan cega. De momento o asunto xa chegou ao xulgado porque hai vítimas destes foros virtuais que buscan amparo legal, e o toparán se se demostra a calumnia ou a inxuria. O que está por ver é que llo dean ante o que pode ser ¿só? escarnio. A pregunta é ¿hai dereito a que o humillen a un na Internet aínda que sexa dentro das fronteiras legais? Non hai dereito non, pero a liberdade de expresión ten un prezo e ás veces véndese cara. Sen dúbida, é este un debate de fonduras no que o máis interesante será escoitar o que teña que dicir o xuiz. Estaremos atentos.