VENTO DA TRAVESÍA | O |
03 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.NON é que as persoas teñan algo así coma denominación de orixe nin que, en realidade, importe moito onde naza cada un, pero o que si hai que admitir é que, dun xeito ou doutro, inflúe e non é o mesmo ser de aquí ca de acolá. Vén isto a conto porque Luciano Varela Castro, un arousán, de orixe meañés, vai acceder ó Tribunal Supremo. Non é unha broma: é, nin máis nin menos, a máxima aspiración dun xurista e alí so poden chegar os mestres, os que saben de verdade. E Luciano Varela é mestre, foino sempre, -a verdade é que esta columna paréceme demasiado humilde para falar del- e xa ten contribuído á mellora do sistema xudicial, non só exercendo o seu maxisterio de cotío a través de sentencias, sempre interesantes, senón con contribucións de autor-inspirador, por exemplo, da Lei do Xurado. E a pesares do carácter, chamémoslle inmobilista que puidera imprimir, e noutros casos imprime, a profesión de xuíz, no caso del é todo o contrario: precisamente porque é mestre entende a esencia da xustiza e, seguramente, viu, sempre, ó Dereito coma un instrumento da xustiza. Malia a que, de agora en diante, haberá que tratalo de Excelencia, teremos que seguir a ver como, aínda a día de hoxe, seguirá a pensar na reforma do sistema xudicial, e, por exemplo, seguro que seguirá a matinar nesa estraña figura española do Xuíz de Instrución, que non se sabe moi ben se é xuíz ou acusador e que, por certo é unha das eivas que, por exemplo, Amnistía Internacional ven de denunciar; pero iso será materia doutro comentario. Noraboa a Luciano Varela, agora Excelencia, orgullo para a nosa comarca porque, a verdade, tampouco andamos por estas terras tan sobrados de persoeiros que nos prestixien e dos que nos poidamos sentir orgullosos. Tremendamente orgullosos.