O desfile de Entroido de Vilagarcía aumenta os premios e o percorrido

La Voz LA VOZ | VILAGARCÍA

AROUSA

O concurso de comparsas do domingo e o baile infantil do luns completan o programa O Liceo-Casino organiza un obradoiro de disfraces para nenos o sábado 3 de febreiro

25 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

? desfile de Entroido de Vilagarcía inclúe este ano novidades. Haberá máis premios e o itinerario será mais longo. Repartiranse algo máis de 4.500 euros en 27 premios distribuídos en seis categorías: grupos, parellas e individuais en adultos e infantís. Como é habitual, o premio máis cuantioso é para o primeiro clasificado en grupos de adultos que levará 720 euros; o premio mínimo é de 30 euros para o quinto clasificado de parellas infantís. Os premios son un dos principais alicientes para a chea de disfraces e carrozas que participan cada ano nesta cita festeira. Chegan de Vilagarcía pero tamén do resto da bisbarra e ata de Pontevedra e Poio o cal converte este evento no máis multitudinario e vistoso de cantos hai no Salnés eses días. Para gozar máis do espectáculo e atendendo ás demandas das comparsas, a concellería de Cultura decidiu este ano ampliar o percorrido e cambiar lixeiramente o itinerario. O desfile partirá ás 17.30 horas do auditorio de Vilagarcía e seguirá pola avenida da Mariña, Colón, praza da Constitución, Alcalde Rei Daviña, Edelmiro Trillo, Covadonga, Xeneral Pardiñas, Castelao, Alexandre Bóveda, Arcebispo Lago, Conde Vallellano para rematar na avenida da Mariña. A organización recomenda o uso do párking da explanada TIR para todos aqueles que visiten Vilagarcía esa tarde xa que os estacionamentos no centro urbano estarán restrinxidos nas rúas afectadas polo itinerario do desfile. Segundo os cálculos do concelleiro de Cultura, Roberto Araújo, unhas quince mil acoden a Vilagarcía na tarde do martes de Entroido e o desfile mobiliza a unhas dúas mil persoas. O xurado fará dous controis no desfile, un na saída e outro na metade do percorrido, para avaliar aspectos como a animación, orixinalidade e espontaneidade dos participantes. O fallo do xurado será inapelable. Cita na Peixería Unha vez rematado o desfile, ás oito en media terá lugar na praza da Peixería a entrega dos premios. En caso de non ser posible, daranse ao día seguinte na concellería de Cultura. O actos que se celebren na Peixería estarán amenizados, igual que o desfile, polo grupo Tornado. Este será o prato forte do programa do Entroido do Concello, pero a oferta vai máis alá. O domingo 18 de febreiro terá lugar o tradicional concurso de comparsas no auditorio municipal, a partir das 17.00 horas. Cada comparsa participante percibirá unha dotación económica de 370 euros. Os grupos estarán formados obrigatoriamente por un mínimo de quince persoas e deberán actuar por un tempo aproximado de quince minutos. O prazo de inscrición será ata o venres día 16, inclusive, nas dependencias de Cultura. No caso do desfile do martes, o prazos de inscrición amplíase ao día 20, ata ás 13.00 horas. O luns 19 de febreiro será a quenda do baile infantil na praza de Peixería, a partir das 17.00 horas. O baile será de entrada gratuíta e estará amenizado polo grupo D¿moda. A programación municipal para o Entroido lle supón as arcas do Concello un gasto de 20.000 euros. Pero a oferta festeira en Vilagarcía para esas datas vai máis alá da programa da concellería de Cultura. O Liceo-Casino é unha das entidades da cidade que tamén celebrará actividades eses días. Entre elas un obradoiro de disfraces para nenos entre cinco e doce anos. Terá lugar o sábado día 3 de febreiro, de cinco a oito da tarde, nas instalacións do Liceo na rúa Castelao. Nesa tarde de traballo os cativos aprenderán a confeccionar os disfraces con telas, plásticos, papel e cartón, ademais de a maquillarse. A inscrición será gratuíta para os socios, que só terán que pagar tres euros para a compra de material. Para os nenos que non sexan socios a matrícula será de seis euros máis tres euros do material.