«A peor nota que saquei en matemáticas foi un oito»

Bea Costa
B. Costa VILAGARCÍA

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

Entrevista | Fernando Pérez Díaz Competía con 145 alumnos de toda Galicia e quedou entre os tres primeiros. En marzo viaxará a Madrid para medirse aos mellores de España na Olimpiada Matemática

22 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O seu é resolver problemas de álxebra e xeometría, non estenderse nas entrevistas. Fernando fala pouco pero ten as cousas claras así que, aínda que é un lince en matemáticas, os seus plans pasan por estudar Física e adicarse á investigación. Pero iso será o ano que ven. De momento, este rapaz de 17 anos veciño de Rubiáns (Vilagarcía) aínda ten que rematar segundo de bacharelato no instituto Bouza-Brey e medirse na Olimpíada Matemática Española que vai ter lugar en Madrid en marzo. Irá na selección galega con oito rapaces máis e será o único representante da bisbarra. Un compañeiro do Bouza-Brey, José Manuel Santórum, tamén o intentou pero no seu caso só puido chegar á segunda fase da eliminatoria galega. Outro ano será. -¿Que nota sacas en matemáticas normalmente? -Un dez. A verdade é que estou moi agradecido aos meus profesores polo seu esforzo e apoio nesta olimpiada. -¿E á peor que obtivo? -A peor creo que foi un oito. -Cun expediente así serás o alumno ao que todo o mundo lle pide axuda para resolver eses problemas que ninguén sabe solucionar ¿non? -Si, pídenme axuda moitas veces. -¿De cando ven este dominio polas matemáticas? -Desde pequeno, sempre se me deron ben. -¿Que é o que máis che gusta desta disciplina? -Non sei... todo. -Aparte das matemáticas, ¿que outras materias che gustan? -Todas as de ciencias. -¿Que opinas sobre como se ensinan as matemáticas no instituto? -Creo que a ensinanza é boa aínda que ao mellor o nivel é alto e a algún alumno faiselle custa arriba. Hai xente que lle é complicado pillarlle o gusto ás matemáticas. -¿Como foron as probas que tivo que pasar para participar na selección galega, resultaron moi complicadas? -Foron dous días. O primeiro había que facer tres problemas bastante difíciles en tres horas e media e de aí saíu unha selección de 39. Eses fixemos ao día seguinte outra vez outros tres problemas e tres horas e media. -¿E de que ían eses problemas? -Non eran problemas tipo, había que aplicar o enxeño. -O asunto o tes controlado pero ¿vas facer unha preparación especial para as olimpíadas de Madrid? -Si, o organizador da fase galega vainos dar os venres, na facultade en Santiago, unha clase especial para os nove seleccionados.