O ollo da agulla

AROUSA

CON GOTAS | O |

20 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

BOTOU os mercaderes do templo a couces. Suando, sentou un anaco e, mentres os sacros homes tentaban recompoñer a desfeita e ollaban para el de esguello, amedrentados perante semellante arroutada xusticeira, pensou que non se podía poñer coma unha fera dese xeito. Non son formas, matinou. Pero é que tanta parábola tíñao xa esgotado, e hai veces nas que unha labazada vale máis que mil palabras. Quería explicarlles que ningún home, ningunha muller, deberían tomar a miseria do veciño como materia de lucro e cachondeo. Que a carnaza como negocio provoca indixestión e diarrea. Que non hai peor usura que a especulación coa vida allea. Que as leas de desgraciados que foxen das súas casas na procura dun anaco de pan non son animais, senón polizóns nun mar no que calquera pode afogar ao máis pequeno despiste. Se cadra, soñou deixando o templo atrás, limpo xa de ratas, alguén, algún día, algures, se organice para botar un cable. Santiño. Non sospeitaba que polo ollo desta agulla non pasan sete contratos indefinidos. serxio.gonzalez@lavoz.es