Catrocentos versos na honra de Fermín Bouza-Brey

Begoña Paso VILAGARCÍA

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

Reportaxe | Premio de poesía en Vilagarcía A convocatoria cumpre a cuarta edición cun premio de 3.000 euros. É o xeito que ten o Concello de honrar a memoria do seu investigador máis insigne

19 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?o novo ano ábrese o abano de premios literarios e o Concello de Vilagarcía foi dos madrugadores coa convocatoria da cuarta edición do Premio de poesía Fermín Bouza-Brey. Está dotado con 3.000 euros e en ningún caso poderá quedar deserto. Os interesados en participar neste certame teñen de prazo ata o 30 de marzo, ás 13.30 horas, para presentar os seus traballos no rexistro municipal de Ravella. O fallo do xurado darase a coñecer o sábado 12 de marzo e a entrega de premio realizarase o xoves 17 de maio, coincidindo coa festividade das Letras Galegas, nun acto público no salón nobre do Concello. O premio é de carácter bianual e responde ao obxectivo de honrar a memoria do poeta e investigador afincado en Vilagarcía. Fermín Bouza-Brey naceu en 1901 en Ponteareas pero pouco despois trasladouse á cidade arousá, onde pasou a súa infancia e xuventude e á cal dedicoulle boa parte dos seus traballos de investigación. En 1992, co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas dedicado a Fermín Bouza-Brey os concellos de Ponteareas, Cortegada de Baños e Vilagarcía crearon o premio de poesía dedicado a este autor, pero despois de tres edicións, deixouse de convocar. Vilagarcía volveu retomar a idea en 2001, coincidindo co centenario do nacemento do investigador e poeta, e deste xeito xurdiu e mantívose no tempo a convocatoria bianual. O concelleiro de Cultura, Roberto Araújo, referiuse onte a este premio como un dos máis importantes de poesía de cantos hai en Galicia o cal conta cunha importante participación. Na última edición presentáronse uns sesenta traballos. Para potenciar este aspecto, a organización vai repartir publicidade sobre o premio entre 1.500 escritore de toda Galicia e vai dinfudir a actividade entre outros concellos e mais a web municipal. Segundo establecen as bases, poderán concorrer todos os poetas que o desexen, cun poemario inédito, dunha extensión mínima de catrocentos versos, escritos en galego. Os participantes deberán enviar cinco exemplares do seu poemario mecanografados e sen remite ao Concello de Vilagarcía. Deberán incluír un lema, que tamén figurará no exterior do sobre ou plica dentro do que se incluirán os datos persoais do autor. O xurado será designado polo Concello e estará composto por destacadas personalidades da poesía e da cultura galega. Os traballos que non resulten seleccionados serán destruídos. Os gañadores das pasadas edicións foron Xerardo Quintián Pérez, no 2005; Xurxo Alonso, no 2003; e Emma Pedreira, no 2001.