O pombal Na inauguración da mostra de Vicepresidencia o alcalde de Vilagarcía asombrou aos representantes do BNG ao dicir que non ten dúbidas de que Galicia é unha nazón
16 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Acostumados como nos teñen os políticos a pelexarse sen máis por todo da gusto ver como unha simple exposición sobre a historia de Galicia é capaz de devolver o espírito institucional e de consenso á vida política. Onte foi a inauguración en Vilagarcía da mostra «Nazón de Breogán. Un xeito de soñar Galicia». Foi no auditorio municipal e acudiron moitos representantes políticos do BNG porque viña por primeira vez á cidade o secretario xeral de Vicepresidencia, Antón Losada . Estiveron os portavoces de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón ; de Catoira, José Castaño ; do Grove, Carlos Besada ; de Sanxenxo, Roberto Fernández Lores , e de Ribadumia, Ramón Mouriño . Tamén estivo a delegada provincial de Industria, a cambadesa Monserrat Prado , e outros representantes e concelleiros. O bo foi que do PSOE tamén houbo unha boa representación, co alcalde, Javier Gago , e o concelleiro de Cultura, Roberto Aráujo , á cabeza, pero é que tampouco faltou o portavoz do PP vilagarcián, Tomás Fole . Piropos mutuos O acto estivo cheo de sorpresas. Gago, que nunca se caracterizou por levarse moi ben co BNG, piropeou sen embargo a Antón Losada, do que dixo que lle gustaba a súa dialéctica «mordaz e intelixente» da que facía gala en debates e tertulias e despois deixou a todos asombrados ao dicir que non lle cabía ningunha dúbida de que Galicia era unha nazón «o que pasa é que se tende a confundir nazón con nacionalismo e non é igual», reflexionou o rexedor. Losada, que agradeceu as boas palabras de Gago, tivo momentos de lembranza dos seus tempos de estudante en Barcelona e dixo que se por algo era precisa esta exposición era para «romper ca sensación de tristeza e de fracaso que nos quixeron transmitir durante tantos anos», afirmou o secretario xeral de Vicepresidencia. O premio de Zona Aberta A presidenta da asociación de comerciantes de Vilagarcía, Zona Aberta, Sofia Beiras , entregou onte a María Nieto os vales de compra por valor de 2.000 euros como gañadora do segundo premio do sorteo de Nadal da entidade. Agora lle tocará decidir en que os gasta.