O Pombal O Concello da Illa mercou cen quilogramos de doces para repartir na Cabalgata de Reis. Todos son do comercio xusto
02 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Moitas cousas pequenas, sumadas, fan unha cousa grande. Ben o saben os colaboradores de Solidaridade Internacional, unha oenegué que leva moitos anos traballando para acadar un mundo máis xusto. ¿Como o fan? Intentando convencernos de que paguemos o debido polos produtos que chegan ás nosas mans. Estes amantes do comercio xusto veñen de obter a colaboración do Concello da Illa na súa cruzada. Quilos e quilos A concellería de servizos sociais, capitaneada por Fátima Rivas, estaba a preparar a Cabalgata de Reis cando se lle ocorreu a idea de que os Magos de Oriente fosen este ano un pouco máis solidarios que de costume. Por eso, a concellaría decidíu aceptar a oferta de Solidaridade Internacional e mercar todos os doces que se lanzarán dende as carrozas a un prezo xusto. Os caramelos en cuestión están feitos con caña procedente dos pequenos agricultores de Craft Aid, de Isla Mauricio e Otisa, de Panamá. Vamos, que veñen de lonxe. Degustacións na tenda solidaria de Vilagarcía O traballo de Solidaridade Internacional non se quedou só en vender caramelos aos concellos galegos. Este ano, igual que nos últimos seis, a oenegué abriu unha tenda de comercio xusto en Vilagarcía de Arousa. Dinnos os seus responsables que este ano as vendas están a ser moi superiores a nadais xa pasados. ¿A razón? Por unha banda, que a tenda abriu unha semana antes do que viña sendo habitual. Pola outra, que cada vez hai máis xente que quere que o seu Nadal non lle saia caro aos traballadores explotados noutros paises, e aposta logo polo comercio xusto. Este ano, os que queiran pagar o prezo debido polos seus agasallos só teñen que visitar a tenda aberta na rúa Arzobispo Xelmírez, no número catro. Alí atoparán de todo, e ademais poderán gozar coa degustación dalgúns dos produtos que alí se venden. Hoxe haberá café de Etiopía e Chiapas e panetone. Mañá será o día do cacao, con degustacións de chocolates e cremas procedentes de Ghana e Bolivia. E o venres tocaralle o turno ás confituras exóticas, con degustacións de marmaladas da Amazonía Ecuatoriana elaboradas con papaia, chamburo e guaiaba: todo un pracer para os sentidos. Así que, xa saben: se aínda teñen cousas que mercar, déanse unha voltiña pola tenda do comercio xusto. E, en xeral, polas tendas da súa localidade, que precisan esquencer os malos ratos do outono. Non o dubiden. Os Reis Magos están encantados neses establecementos.