Cara allada

X. A. OCHOA

AROUSA

AREOSO | O |

30 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

POIS resulta que un eminente doutor dun hospital de Madrid pediu permiso para, polo visto, coller unha serie de aparellos médicos e ir recoñecer a saúde de Fidel Castro. O médico contou, de volta de Cuba, dicindo ou non a verdade, imaxino que logo de utilizar e devolver a maquinaria trasladada, que o convalecente evoluciona favorablemente. Eu, que matino que o noso Fidel non é un ditador, estou contento de que mellore na súa saúde e siga a ser un furúnculo para os omnipotentes americanos e, entre tanto, manteña o sobresaínte nivel de ensino e de saúde dos habitantes da illa que, por aqueles lares, non é precisamente o máis común. Así pois, larga vida a Fidel e ao seu sistema, e, por suposto, grazas ao doutor español e ao hospital madrileño por permitir uso tan louvable de recursos materiais e humanos. Pero agora, como un é ruín, gostaríame pedir explicacións. Imaxínense a un modesto radiólogo do modesto Hospital do Salnés que arrample cun modesto aparello de raios X e se poña a facer radiografías polos rueiros aos modestos. Caerían enriba del as forzas da orde e, de seguido, con altisonantes palabras xusticeiras, sería condenado, polo menos, por apropiación indebida e sancionado e posto na rúa por abuso do seu destino. Ou, se queren imaxinarse, imaxinen que un, que ten o seu punto e, claro, como ás veces veñen mal dadas, tamén pode ocorrer que leve algún becho no corpo e precise ser sometido a tratamento ou revisado por algún especialista eminente e como ter, teño problemas de estómago -o de ruín non son eu, é a úlcera- pido que veña a verme o Dr. García Sabrido: que colla os aparellos do Gregorio Marañón, que os suba no tren -mellor no avión para que chegue a tempo- e que tire para acá. Non vou ser eu menos ca Fidel. O dito, xunte as palabras do título e, polo si ou polo non, saúde para o 2007 porque o tal García case, case, seguro que non viría.