O pombal Os rapaces de Ribadumia festexaron o fin do 2006 dous días antes de comer as uvas. Así os pequenos puideron participar dunha festa reservada para maiores
29 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A boa idea do Concello de Vilagarcía de celebrar a toma das uvas antes das doce da noite do 31 para poder facer unha festa popular estana a copiar en moitos outros municipios do Salnés. En Cambados fan algo similar pero con doces e este ano tamén apuntouse Ribadumia, que onte organizou una festa de noitevella na casa da cultura de Barrantes. Os invitados eran os rapaces do Concello, xa que son os máis pequenos os que non poden participar normalmente da festa de aninovo, xa que é unha celebración para xente máis grande. Uvas e actividades A festa do aninovo de Ribadumia contou con todo o que se precisa. Uvas para tomar coas doce campanadas, iso si, das doce do mediodía, xogos e unha gran diversidade de actividades cas que os pequenos pasaron un bo rato nestes días de vacacións de Nadal nos que moitas veces teñen tanto tempo libre que xa non saben que facer con el. De aí que os pais agradezan que os concellos organicen este tipo de actividades. Quizais por iso estes días en todos os concellos da comarca de Arousa hai todo tipo de actuacións musicais, teatro, monicreques e un sen fin de actos que compoñen unha amplísima oferta de ocio para o Nadal.