Dous xabaríns en Bamio

AROUSA

CON GOTAS | O |

26 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

IGNORO que pode levar a un xabarín a deixarse caer pola gasolineira de Bamio. Disque ao porco bravo sábelle moito o cheiro do combustible. E tendo en conta as datas nas que andamos, se cadra foron botar un tróspiro e celebrar a fin deste ano catastrófico para o seu hábitat. Sexa como for, o certo é que onte, entre lusco e fusco, un par de bos exemplares do nobre porcino salvaxe baixaron das alturas e deron un paseo pola estrada que vén de Santiago. Ulisquearon algo, triscaron un pouco e desapareceron de novo na mesta e fría noite deste Salnés de invernía. Eran grises e ben repoludos, din quen os viron, que foron contados. Unha parella detivo o coche e chamou, sen saber moi ben quen se encarga deste tipo de aparicións, ao 112. Aló desvelouse a incógnita. Se as ánimas andan revoltas, é tempo do crego ou o espiritador. Se é un xabarín o que trota alegremente por unha estrada, o asunto é materia da Garda Civil de Tráfico. Agardemos que os porcos non sexan multados. E que a vida nunca falte destes bosques aos que tan pouco queremos. serxio.gonzalez@lavoz.es