CON GOTAS | O |
23 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.SE o Xiabre entra en erupción. Se as correntes termoalinas do Atlántico se deteñen. Se aos rusos se lles oxida outro submarino e perden un mísil. Se comeza a vindeira glaciación. Se o muro da vergoña da Tomada se vén abaixo sobre Carril. Se en Vilaxoán os edificios andan a piñas entre eles para tapar o mar. Se no Grove non hai pavillóns, nin depuradoras, e todos os deuses esqueceron como demo se chega aló, con ou sen vías, lentas ou rápidas. Se construímos un edificio de vinte plantas e facemos que o Con saia polo billa do ático. Se o señor X dá coa nova pedra filosofal e transmuta os desaugues de formigón por chapa chunga. Se en Cambados un camión afunde o enlousado de Fefiñáns. Se en Ribadumia o polígono de Cabanelas se converte no triángulo de Cabanelas, capaz de facer desaparecer millóns do que lle boten. Se en Vilanova non cantan todos pexim, pexim, pxom, cuidado con lo que hacéis . Se as canteiras de Meis seguen a engulir petróglifos. ¿Quen vai impedir que todo iso suceda? Vostede, amigo, sen escaqueos. Bo Nadal. serxio.gonzalez@lavoz.es